Cargando Eventos

A poesía do retrato. Mostra sobre Xela Arias

Protagonista: Vicepresidencia Deputación de Lugo

“Xela Arias. A poesía do retrato”, é un proxecto expositivo que presenta textos poéticos da autora homenaxeada nas Letras Galegas 2021 xunto aos retratos realizados polo fotógrafo Xulio Gil entre 1988 e 2001.

A mostra, que se complementa cun libro catálogo, é o eixo central das actividades organizadas pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo polas Letras Galegas. Concebida para espazos exteriores e cun formato adaptado á itinerancia, inaugurarase o vindeiro 1 de maio en Sarria e exporase despois en Lugo, Chantada, Monforte, Viveiro e Ribadeo.

A exposición consta de 20 imaxes en branco e negro que dialogan con cadanseu texto poético, dando lugar a unha potente interacción entre a fotografía e poesía. A colección de imaxes, que se amplía ata as 53 no catálogo que acompaña a mostra, retratan a poeta posando con determinación e sen artificios ante o obxectivo de Xulio Gil, no seu período vital dos 26 aos 40 anos. Son imaxes cargadas de poesía, onde a mirada penetrante de Xela Arias “observa de fronte e con honestidade”.

Os retratos recollen a vontade creativa e os pactos estéticos do fotógrafo e da poeta, que non só se amosa como modelo, tamén como creadora. Na meirande parte os casos son fotografías nas que ela controla a imaxe que quere trasmitir, segundo sinalou o autor, quen aludiu ao proxecto poético “Tigres coma cabalos”, como o precedente da relación artística entre ambos.

Os textos poéticos que acompañan as imaxes corresponden a fragamentos da poesía dispersa de Xela Arias, versos publicados en xornais, revistas e fanzines recollidos por María Xesús Nogueira en “Poesía reunida (1982-2004). Xela Arias” (Edicións Xerais, 2018).

Formato e itinerancia

A instalación das fotografías e dos poemas preséntanse impresas en panel metálico de aluminio de 3 mm. encadradas sobre 10 macromarcos de aceiro galvanizado sobre peana de formigón. Un formato concebido para a instalación en espazos exteriores e a itinerancia, unha fórmula coa que a Vicepresidencia da Deputación aposta por achegar a poesía e a fotografía ás diferentes comarcas.

A exposición comezará o seu percorrido pola provincia de Lugo o 1 de maio en Sarria, localidade natal da autora, e estará instalada en paneis distribuídos polo centro urbano da vila ata o 20 de maio. A mostra poderá verse despois en Lugo, do 21 de maio ao 21 de xuño; en Chantada, do 22 e xuño ao 8 de xullo; en Monforte, do 9 de xullo ao 2 de agosto; en Viveiro, do 3 ao 26 de agosto; e en Ribadeo, do 27 de agosto ao 27 de setembro.

“Esta fórmula expositiva, para exteriores e itinerante, responde á vontade de sacar a poesía de Xela Arias á rúa. Sacar a poesía do sillón do lector, como ela mesma ten dito e feito a través de recitais e doutras intervencións que achegaban a poesía a linguaxes e públicos diferentes”, indicaron dende o organismo provincial.

O produtor executivo da mostra é Xosé Aldea.

Ao mesmo tempo a área de Cultura continúa cada semana con dúas pezas da entrega de “Outras voces para as letras de Xela”, 15 pezas audiovisuais en formato videocreacións para as redes para descubrir a obra de Xela e as súas orixes lucenses, así como a súa ollada multidisciplinar . A obra da poeta pasa pola voz, performance e reflexións biográficas de escritores e escritoras, artistas, familiares e persoas anónimas.

Difúndese a través das redes sociais e na canle de Youtube da Vicepresidencia da Deputación de Lugo

1 Maio, 2021 - 26 Setembro, 2021

Sin localización