Cargando Eventos

A USC volve á Ribeira Sacra nos cursos de verán

Protagonista: USC

Do 19 ao 23 de xullo un curso de verán da Universidade de Santiago de Compostela terá a súa aula en Monforte de Lemos. ‘A Ribeira Sacra: paisaxe, patrimonio, gastronomía e terra de viños (ribeiras do Miño)’ é o nome destas xornadas dirixidas polo profesor Ignacio j. Díaz-Maroto Hidalgo e que ten 40 prazas para todas aquelas persoas que desexen facer a matrícula a través da secretaría virtual:

https://sec-virtual.usc.es/LoginX/Login.asp

O viño da Ribeira Sacra será a conferencia inaugural a cargo de Germán López Quiroga. Dende Rivoira Sacrata ata Ribeira Sacra: camiño de sensacións será a ponencia de Alexandra Seara, xerente do Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra. Emilio Díaz Varela, profesor de Ordenación e Planificación do territorio e de Medio Natural conducirá a sesión ‘Ribeira Sacra: a paisaxe por antonomasia’.

Ignacio Díaz Maroto, profesor do grao en paisaxe da USC, falará da grande área paisaxística das paisaxes encaixadas do Miño e do Sil e Ana Goy abordará a proposta de Valor Universal Excepcional da paisaxe cultural da Ribeira Sacra dende a súa calidade de profesora e investigadora en Historia da Arte e directora científica da candidatura ante a Unesco.

O escritor en investigador Felipe Aira Pardo achegará unha lección sobre a estrutura urbana medieval de Monforte de Lemos e a profesora Patricia Cupeiro falará das identidades inalteradas, un valor para a declaración como patrimonio da Humanidade. Xosé Lois García , o escritor e historiador fará un relatorio arredor da arte románica da Ribeira Sacra, unha conferencia que precederá outra máis concreta sobre O Mosteiro Cisterciense de Ferreira de Pantón e a herdanza do monacato medieval na Ribeira Sacra a cargo de Flora Enriquez.

Aida Menéndez e representantes do Consorcio de Turismo achegarán ás persoas asistentes ao Camiño de Inverno e o seu Patrimonio pola Ribeira do Miño. Todo comezará cunha ruta  dende Monforte e deica o Ecomuseo de Arxeriz, San Paio de Diomondi e o percorrido dun tramo do camiño de Inverno deica Belesar e despois adega Vía Romana en Chantada , visita ao meandro do ‘cabo do mundo’ dende a praia da Cova e visita á adega Abadía da Cova.

A seguinte xornada continuará cunha sesión máis teórica sobre o Camiño de Inverno, xa na casa da cultura Lois Pereiro de Monforte. A temática deste relatorio está baseada nesta ruta como eixo do Patrimonio Cultural da Ribeira Sacra. Estará a cargo da psicopedagoga e presidenda da asoc. Camiños a Santiago pola Ribeira Sacra, Aida Menéndez. A continuación o colexio do Cardeal de Monforte de Lemos como novo Ben de Interese Cultural a cargo de María Rivo dará paso á unha charla sobre gastronomía. Será Fernando de Santiago Boullón, da Academia Galega de Gastronomía e da firma Finca Míllara o encargado de falar da evolución da gastronomía na Galicia Interior.

José Mouriño Cuba falará sobre as Denominacións de Orixe na Ribeira Sacra, antes de que Beatriz Soto, directora técnica do Consello Regulador dos viños Ribeira Sacra faga un repaso pola personalidade e características máis salientables das elaboracións deste territorio.

O último día, o chef Carlos J. González Sánchez, de Merenzao, falará de gastronomía inspirada na tradición. De xeito seguido será a quenda de José Manuel Rodríguez González, como pdte. do Consello Regulador da D.O. Ribeira Sacra, falará sobre a recuperación das castes vitivinícolas tradicionais. O curso rematará cunha cata de viños das últimas añadas.

 

https://www.usc.gal/gl/xornal/eventos/ribeira-sacra-paisaxe-patrimonio-gastronomia-terra-vinos-ribeiras-mino

 

19 Xullo, 2021 - 23 Xullo, 2021

Monforte de Lemos

Praza de España 3
Monforte de Lemos, Lugo 27400
+ Google Map