Cargando Eventos

Concerto aniversario no Museo Pazo de Tor

Protagonista: Rede Museística da Deputación de Lugo

Con motivo do 15 aniversario da creación do Museo Pazo de Tor (Monforte de Lemos), mañá sábado, día 17, ás 19:30 horas, terá lugar neste lugar un CONCERTO DO GRUPO FOLK CÉLTICO TOR, formación que reúne os músicos e investigadores Cástor Castro (frautas de madeira), Félix Castro (anglo concertina, acordeón diatónico e gaita galega), Álvaro Iglesias (contrabaixo) e Xosé Liz (bouzuki, guitarra acústica e mandolina), interpretará un repertorio de temas instrumentais tomados da tradición galega, con arranxos contemporáneos.

O grupo estará acompañado por un elenco de artistas convidados que singularizarán a súa actuación no pazo monfortino: o violinista Pancho Álvarez, a pandereteira Soco Rúa e a parella de baile formada por Lucía Cedrón e David Leadbeater.

O repertorio deste grupo componse de popurrís ou sets de temas instrumentais orixinais tomados da tradición galega, con especial atención aos gaiteiros e músicos do interior. A principal fonte é o traballo de campo do Arquivo Castro Vicente (Cástor e Félix Castro), e os seus fondos documentais e sonoros, centrados sobre todo na frauta de madeira e acordeón diatónico, así como en estilos de toque de gaita de comarcas pouco coñecidas como A Limia, Frieiras, e Navia entre outras. Xunto coa liña melódica guiada principalmente por instrumentos da tradición galega como a gaita, a frauta de madeira, ou o acordeón diatónico, e outros máis atípicos como a anglo concertina, a parte harmónica a completan o bouzouqui e o contrabaixo, conformando un son acústico, reelaborado dun xeito concordante cos traballos que se fan hoxendía no folk atlántico europeo. Sets de muiñeiras, xotas, alboradas, pasacorredoiras e piruxaldas, sucédense con outros temas máis pausados como alalás, cantos de reis, valses ou mazurcas, tan propias do sur ourensán.

A entrada a este acto é libre e gratuíta, pero respectando as normas sanitarias sobre o Covid 19.  Debido ao aforo limitado,  a entrada será por rigorosa orde de chegada.

17 Xullo, 2021

7:30 p.m. - 9:30 p.m.

Monforte de Lemos

San Xoán de Tor s/n
San Xoán de Tor, Monforte de Lemos, Lugo 27591 Spain
+ Google Map