Cargando Eventos

Formación para traballadoras/es

Protagonista: Concello de Sober

O Concello de Sober lanza 38 cursos para traballadores ocupados, parados ou en situación de ERTE que se levarán a cabo este mes. É froito dun convenio de colaboración con Foro de Formación y Ediciones S.L. para a difusión de actividades formativas.

A idea é mellorar as competencias profesionais e a inserción laboral dos veciños e veciñas a través da realización de actividades formativas online de carácter gratuíto enmarcadas no ámbito da formación profesional para o emprego.

O Concello de Sober comprométese a divulgar e publicitar as accións formativas pactadas co Centro de Formación entre os colectivos de traballadores que cumpran cos requisitos de matriculación. O Centro é o encargado de impartir as actividades, de carácter subvencionado, e de expedir os correspondentes diplomas.

Os cursos que se ofertan este mes de decembro pódense consultar na web https://www.forodeformacion.org/cursos-gratuitos/ . Os sectores sobre os que xira a formación teñen que ver coa agricultura e gandería, sector de industrias de alimentación e bebidas, sector da construción, de servizos medioambientais, sociosanitarios ou relacionados coas novas tecnoloxías, entre outros. Teñen unha duración de entre 20 e 210 horas, en función do curso.

Os alumnos recibirán un título homologado pola FUNDAE que acredita a superación do curso e o número de horas que realizaron. A acción formativa será supervisada polo  SEPE, o que avala a garantía e o rigor do ensino que cursarán os alumnos e alumnas rexistrados.

Inscrición

As persoas interesadas en anotarse nos cursos deberán chamar ao Concello de Sober (982  46 00 01) en horario de 09:00 a 14:00 horas. A orientadora laboral do Concello está a disposición das persoas interesadas en anotarse para axudarlles cos trámites. Para aquelas persoas que non teñan acceso a Internet o Goberno local pon á súa disposición a aula de informática con conexión gratuíta.