Cargando Eventos

Exposición mapa sonoro da memoria LGTBIQ+ da provincia

Protagonista: Colectivo Agrocuir da Ulloa

A plataforma multicanle da Rede Museística Provincial alberga un mapa sonoro da memoria diversa, con medio cento de testemuños orais que relatan vivencias, anécdotas, experiencias e lembranzas vinculadas á temática LGTBIQA+. Este arquivo sonoro é o resultado do proxecto “Facémonos escoitar?” desenvolvido polo Colectivo Agrocuír da Ulloa que, co apoio da Vicepresidencia da Deputación de Lugo,  recolleu e documentou os audios nas distintas comarcas da provincia.

Testemuñas relatando despertares sexuais, momentos fundacionais do activismo, experiencias vividas nos centros educativos, lembranzas sobre os primeiros amores ou historias cotiás en supermercados, pubs ou no entorno familiar forman a escolma, que tamén se ve reflectida nunha mostra itinerante que estes días podemos visitar no Campo de San Antón en Monforte de Lemos, e nos vindeiros percorrerá outras vilas da provincia. Trátase dunha exposición exterior formada por unha vintena de paneis que recompilan o traballo desenvolvido por colectivos LGTBIQA+  na visibilización e naturalización da diversidade. A mostra estará tamén axiña en espazos vencellados ao Museo do Mar e San Paio de Narla.

 

8 Xullo, 2021 - 30 Xullo, 2021

Monforte de Lemos

Campo de San Antonio
Monforte de Lemos, Lugo 27400 Spain
+ Google Map