Cargando Eventos

Queima das Fachas de Castelo

Protagonista: Veciños de Castelo / Concello de Taboada

A noite do 7 e madrugada do 8 de setembro celébrase en Castelo a Queima das Fachas. O ritual do lume no castro de Castelo, en Taboada coincide coa véspera das festas patronais. A comunidade local colabora nunha actividade na que conviven as distintas xeracións: A elaboración das fachas e a recollida dos agucios (‘Asphodelus albus’) nas beiras dos ríos e no monte da zona.
Este singular costume podería ter a súa orixe na etapa castrexa, segundo salientan dende a asociación cultural As Fachas que se encarga actualmente deste evento, declarado Festa de Interese Turístico Galego. A explicación exacta desta práctica non está clara e vai dende o máis espiritual deica o máis práctico. Podería utilizarse como medio de comunicación con poboacións dos arredores, para dar aos habitantes do castro a posibilidade de ver pola noite cando celebraban algún tipo de reunión; ou ben como ritual máxico ou relixioso. Conecta directamente con outras manifestacións ben similares e próximas no territorio como As Fachas de Vilelos, no Saviñao, ou os Fachós de Castro Caldelas.
Na actualidade todo comeza cunha boa reunión popular arredor da mesa como entrante ao grande momento da queima. Non falta a música tradicional e cando se apagan as fachas comeza a verbena con orquestras.

O lume acenderase aí polas once e media da noite.

7 Setembro, 2019 - 8 Setembro, 2019

11:30 p.m. a 1:00 a.m.

Taboada

Taboada, Lugo 27559
+ Google Map