Cargando Eventos

Fin de semana de Memoria Histórica

A Memoria Histórica é a protagonista da axenda cultural estes días no Concello da Pobra do Brollón. Dende o xoves levan a cabo accións de cinema e mesas redondas como a dirixida por Xurxo Ayán, director da escavación na casa de Repil e nos proxectos de exhumación de Castroncelos e Saa, así como noutros proxectos de recuperación da Memoria Histórica en todo o Estado.

Este sábado, 10 de novembro a actividade continúa ás 16:00 h. cunha visita guiada á Casa de Repil. O lugar foi obxecto de campañas arqueolóxicas que permiten reconstruír o que alí aconteceu na batalla do ano 1949. A visita substitúe, nesta fin de semana, ás que se realizan os sábados de outono ao Castro de San Lourenzo. Para participar, hai que apuntarse no 666 435 832.

Nesa mesma xornada ás 20:00 da tarde, na Casa da Cultura Olga Novo terá lugar a obra teatral “A Lola” escrita e dirixida polo profesor Manuel Ayán Díaz, nado en Fornelas e autor de outras obras teatrais como “María Castaña” ou “Beltrana A Birolla”. A obra, representada pola Asociación Cultural Avelaíña, narra a situación familiar de dous mozos que queren casar nos anos 60, ela dun entorno familiar afín ao réxime e el, republicano.

O domingo, 11 de novembro, terá lugar unha charla sobre o apreixamento e asasinato do Inverno de Eirexalba. O Inverno foi obxecto dun proxecto de exhumación o pasado verán de 2018 e o arqueólogo encargado contará os resultados desa intervención. Será na Casa da Cultura da Pobra do Brollón ás 11.h.

 

 

8 Novembro, 2018 - 11 Novembro, 2018

Pobra do Brollón

Rúa Samoeiro
Pobra do Brollón, Lugo 27330 Spain
+ Google Map