Cargando Eventos

Manuel Jorge. Seis décadas de retrato: exposición e concerto

Protagonista: Asoc. Amigos de Manuel Jorge de Chantada

O pintor e arquitecto Manuel Jorge faleceu o 24 de maio de 2020 deixando un importante legado á Asociación chantadina que leva o seu nome e que dende hai cinco anos traballa para recuperar a súa obra e figura para a arte contemporánea galega. Toda a súa obra de gran formato, máis de trescentos cadros, está xa na vila do Asma e dende a Asociación traballan para sacala á luz e empurrar pola creación dun centro de arte que sirva para conservar a obra de Manuel Jorge e
promover as artes plásticas.
Un primeiro paso para amosar parte da inxente obra recibida é esta nova exposición: Manuel Jorge. Seis décadas de retrato, na que se expoñen vinteoito cadros do artista que van dende 1959 ata o 2013, amosando a diversidade de técnicas e estilos cos que experimentou ó longo da súa traxectoria.
A maior parte destes cadros nunca se expuseron en Chantada ou incluso en Galicia, polo que a comisaria da exposición, Lola López, agarda que sorprendan a un público xa familiarizado coa obra do chantadino: «Manuel Jorge pintou moito e cada vez que navegamos polo seu legado atopamos novas sorpresas. Hai cadros que nin sequera están nos catálogos e por iso creamos lecturas que nos permitan achegarnos á súa arte dende outros puntos de vista». Por este motivo a docente e especialista en Belas Artes decidiu apostar por unha exposición monográfica adicada ó retrato, «tal vez non é o máis destacado, pero si amosa a súa evolución técnica e estilística coa circunstancia de que remata case igual que como comezou, con simples trazos sobre papel».
A exposición poderá visitarse as fins de semana dende o 13 de agosto ó 5 de setembro, con horario de 19 a 21 horas os venres, de 12 a 14 horas e de 19 a 21 horas os sábados, e de 12 a 14 horas os domingos.

UN CONCERTO HOMENAXE PECHARÁ A MOSTRA
Tanto a organización da mostra como a celebración do concerto homenaxe contan coa colaboración do Concello de Chantada ademais da participación desinteresada dos músicos e irmáns Manuel, Javier e Luís López Jorge, familia do autor. O concerto, un recital de piano e violín, será o venres 3 de setembro e servirá como homenaxe póstuma ó autor. Tamén será a oportunidade de presentar os proxectos de futuro da Asociación e a súa páxina web, manueljorge.com.

 

 

 

13 Agosto, 2021 - 5 Setembro, 2021

Chantada

Praza de Galicia
Chantada, Lugo 27500 Spain
+ Google Map