Cargando Eventos

Marcha contra a colonización eólica do territorio

Este sábado, 5 de xuño, as rúas de Compostela serán sede para unha marcha para esixir a paralización de varios proxectos eólicos en trámite no territorio galego. Será unha data simbólica, o Día Mundial do Medio Ambiente, a escollida por máis de 50 colectivos e plataformas veciñais, ecoloxistas, culturais e sindicais que convocan á sociedade galega a moverse contra o expolio enerxético baixo o lema ‘Eólica. Así NON’

A mobilización sairá ás 12.00h. da Alameda de Santiago e pretende amosar a crecente oposición social a un “modelo fraudulento de proxectos eólicos fragmentados para esquivar a normativa legal e que invaden o noso espazo de vida. Centos de proxectos que devalúan as economías locais, prexudican a calidade de vida das persoas, degradan as comunidades que vivimos no rural, atentan á titularidade da terra e á explotación dos seus recursos polos seus propietarios a título individual ou comunitario deteriorando ademais o medio natural, a paisaxe e o patrimonio”.

As entidades convocantes expuxeron que o principal obxectivo desta manifestación será “expresar o amplo e contundente rexeitamento do pobo galego a un modelo de desenvolvemento eólico imposto e colonial que converte a Galiza, unha vez máis, nun territorio de sacrificio para favorecer as ansias especulativas e de negocio do oligopolio enerxético, coa conivencia da Xunta e do Estado” indican dende  ADEGA.

Dende a Rede Galega por un Rural Vivo sinalaron que os exemplos e o sistema de explotación eólica actual “está a ser un motor de despoboamento do rural. Advertiu de que a produción galega con enerxías renovábeis (eólica e hidroeléctrica) xa supera o consumo actual, exportando arredor do 30% da electricidade que xenera, contando co 14% da potencia eólica instalada no Estado e a maior densidade de aeroxeradores por quilómetro cadrado de Europa. “Un desenvolvemento eólico que nunca tivo en conta a opinión da veciñanza nin do rural”.

Outra das entidades convocantes é a FRUGA tamén comparou as estratexias de implantación dos parques eólicos agora coas celulosas, as centrais hidroeléctricas e a minaría en Galicia, onde os beneficios non van parar aos propietarios da terra, senón ás grandes multinacionais.

A transición ecolóxica é, para a CIG, a escusa que estas empresas aproveitan para facer  o seu particular “lavado verde” sen ter antes compensado os danos ambientais feitos sobre o territorio e apuntan que “non é verdade que as renovábeis, tal e como se están concibindo, vaian xerar milleiros de postos de traballo”.

A Rede do Patrimonio é outra das convocantes que advirte da falta dunha avaliación rigorosa da afección destes macroproxectos sobre o patrimonio material e inmaterial que se conserva nas perimetrais dos parques.

En definitiva aseguran que Galicia non precisa da nova “vaga de megaproxectos eólicos cos que as multinacionais da enerxía pretenden inzar o país, polo que esixirán a súa paralización”. Máis aló desta moratoria ás novas instalacións demandan a derrogación do Plan Sectorial Eólico de Galiza e das que chaman “Leis de Depredación”, -en referencia á Lei galega de fomento da implantación de iniciativas empresariais de 2017 e á Lei de simplificación adminsitrativa recentemente aprobada. Consideran que se tratan dun “atropelo contra os dereitos das persoas á participación pública e contra a preservación do medio natural, do patrimonio e da paisaxe”.

Manifesto por un modelo eólico racional, sostible e xusto

No proceso de transición ecolóxica cara a unha economía e un sistema descarbonizados para afrontar o cambio climático, os colectivos promotores do manifesto “Eólica, Así Non”, puntualizan que apoian as enerxías renovábeis, incluída a eólica, mais non á costa da destrucción do territorio. Piden un novo modelo enerxético e de implantación da enerxía eólica en  Galicia que sexa descentralizado, baseado esta vez na soberanía enerxética, no fomento do aforro, da eficiencia enerxética e do autoconsumo, e na xestión pública dos recursos ao servizo da sociedade galega.

Segundo declaran dende os colectivos convocantes, o xeito en que o Goberno da Xunta concibe e permite a implantación eólica no país estaría  apoiado na “desregulamentación legal, no abuso das empresas enerxéticas ás poboacións afectadas, na destrución do patrimonio público e colectivo, tanto ambiental, cultural como paisaxístico, e en intereses de carácter privado e especulativo”.

Publicaron un manifesto, asinado polas máis de 20 entidades convocantes da gran marcha ás que se adheriron decenas máis, contra a “invasión eólica” no que exponen as dez premisas fundamentais que se han de seguir no deseño dun novo marco normativo. Entre estas destacan: a moratoria urxente dos novos proxectos e a derrogación do plan sectorial eólico, a protección dos servizos ecosistémicos chaves para afrontar a loita climática, a soberanía enerxética, a ampliación da Rede Natura 2000, o estrito cumprimento da normativa ambiental, o fomento do autoconsumo, un trato xusto para as comunidades afectadas e para o rural e a participación pública efectiva e real.

O manifesto “Eólica, Así Non” permanecerá aberto ata o Día Mundial do Medio Ambiente a novas adhesións de colectivos e pode lerse e apoiarse aquí:

https://bit.ly/2SvKTU6

https://forms.gle/tT96JwRjJkZh5dKG6

O 5 de xuño a marcha rematará na Praza do Obradoiro cun minuto de silencio por todos aqueles territorios xa destruídos pola explotación enerxética e polos que se están vendo ameazados pola masiva ocupación eólica.A marcha contará co pertinente servizo de orde para garantir o cumprimento de todas as medidas de seguridade sanitaria ás que loxicamente obriga asituación de pandemia.

Convocantes:

Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza – ADEGA, Amigos da Terra, Confederación Intersindical Galega – CIG, Federación Ecoloxista Galega – FEG, Federación Rural Galega – FRUGA, Verdegaia, Rede do Patrimonio Cultural, Rede Galega por un Rural Vivo, Aldeas Libres de Macroeólicos-Non ao Macroparque Ordes-Curtis, Amigas das Árbores de Ourense, Asemblea do Suído, Asociación de Veciños O Outeiro de Sanamede de Monte – Afectados Troitomil de A Baña, Asociación Roxín Roxal , Asociación O Sorriso de Daniel, Asociación veciñal, cultural, deportiva e recreativa do barrio da Agra do Orzán “Agra”, Calo rural, Colectivo A Rula, Plataforma pola protección da serra do Galiñeiro, Plataforma pola Recuperación do Sar, Quijote de Outes, Rede do Rural, Salvemos A comarca de Ordes, Sos Encrobas.

Apoian (primeiras adhesións): Sociedade Galega de Historia Natural – SGHN, Sindicato Labrego Galego – SLG, Alarma na Terra de Montes , Asoc. Amigos do Patrimonio de Castroverde, Asociación A volta Grande do Courel, Associaçom Cultural O Quilombo, Asociacion para a Custodia do Bosque Atlantico Betula, Asociación pola Defensa da Ría – APDR, Colectivo Ecoloxista do Salnés – CES, Club de Montañismo Montañas de Trevinca, Club Peña Trevinca Montañeiros de Galicia, Co-mando Ghichas, Contramínate, Eiquí Eólicos Non, Galicia Ambiental, Instituto de Estudos Miñoráns – IEM, Patrimonio dos Ancares, Plataforma Defensa do Sur da Dorsal Galega, Pataforma non eólicos Bustelo, Campelo Monte Toural, Plataforma de veciñ@s afectad@s Eólicos Vila de Cruces, Rede para o Decrecemento Eo-Navia Galiza O Bierzo, Rente ao Couce, Sos Groba, Salvemos o Támega, SOS Suído Seixo. Mina Alberta Non, Stop Eólicos Negueira.

 

CARTAZ 5 DE XUÑO_r

5 Xuño, 2021

12:00 p.m. - 1:00 p.m.

Alameda Santiago de Compostela
Santiago de Compostela, A Coruña Spain
+ Google Map