Cargando Eventos

Presentación da web veciñal de Vilachá de Salvadur

A Asociación de Veciños/as de Vilachá de Salvadur (A Pobra do Brollón) comezou a presentación da súa web mediante as redes sociais (Facebook, Twitter e Instagram). O seu enderezo é www.vilachadesalvadur.gal.

Desta maneira, a asociación quere poñer en valor o patrimonio dunha das parroquias incluídas na área BIC da candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade. Asemade, queren divulgar e compartir todos os recursos que ofrece a zona, como son as adegas posiblemente medievais, o castro do Castrelado, o roteiro circular ou o miradoiro sobre os canóns do Sil.

A web presenta un formato intuitivo e interactivo que permite coñecer cousas da historia de Vilachá de Salvadur. Os apartados ofrecen información sobre a orixe das adegas ou sobre a escavación dos Conventos no Val do Frade. Ademais, algúns adegueiros ofrecen o contacto para visitar as adegas, explicar o proceso do viño ou a realización de catas non profesionais.

Outro apartado que a asociación quere destacar é o Camiño de Inverno a Santiago de Compostela. Nos últimos meses conseguiron o apoio dos tres concellos afectados e recabaron nova información (toda ela incluída na web) que reforzaría a tese xacobea.

O propósito da asociación é que este portal web sirva de carta de presentación de Vilachá. Unha información que se renovará con todas as novas de actualidade que afecten a este recuncho da Ribeira Sacra.

26 Xaneiro, 2021 - 28 Febreiro, 2021

Pobra do Brollón

Spain
+ Google Map