Cargando Eventos

Programa de accións polo 25M na capital de Lemos

O Concello de Monforte organiza, a través do Centro de Información á Muller (CIM), co gallo do 25 de novembro, Día Internacional contra a violencia de xénero unha programación de actividades nas que convida a participar a toda a veciñanza e axentes sociais. A campaña de sensibilización “Monforte, en Negro contra as Violencias”, esténdese dende o día 17 e ata o 30 de novembro.

Ó igual que o ano pasado, levarase a cabo a proxección sobre a Torre da Homenaxe do lema da campaña, que terá lugar o propio día 25 de novembro dende as 6 e media da tarde e ata as 12 da noite, para concienciar a toda a cidadanía en contra das violencias.

Tamén, ó igual que en 2020, instalarase un vinilo específico desta campaña no Bus Urbano do Concello, para aumentar así a visibilidade e a forza da mensaxe que se quere transmitir.

En canto ó resto de actividades que que se desenvolverán arredor do Día Internacional contra a Violencia de Xénero, serán as seguintes:

Colocación da Mesa “Exprésate contra a violencia de xénero”, que estará ubicada na Casa do Concello. Nela está xa dende hoxe dispoñible un libro de sinaturas para todas aquelas persoas que o desexen poidan deixar escritas nel as súas mostras de repulsa contra a violencia de xénero..

Actos previstos para o xoves 25 de novembro: darán comezo ás 12:00 horas, momento en que terá lugar o acto conmemorativo do propio día coa Lectura do Manifesto na Praza do Concello, que será lido pola Concelleira de Muller e Igualdade. Posteriormente, levarase a cabo unha acción poética a cargo da escritora monfortina Margarita Rodríguez Otero. E o acto rematará cun minuto de silencio por todas as vítimas de violencia machista.

Os centros de ensino da localidade tamén participan en varios obradoiros sobre o uso das redes sociais e as TIC e tivo lugar un curso de autodefensa para mulleres ante situacións violentas.

O venres 26 de novembro ás 12:00 h. no Centro Cívico Social terá lugar unha nova sesión da Mesa de Coordinación para a mellora da atención ás vítimas de violencia de xénero, a cal ten como finalidade garantir, fomentar e desenvolver accións e formulas preventivas xunto cunha atención integral de calidade ás vítimas.

25 Novembro, 2021 - 26 Novembro, 2021

Monforte de Lemos

Campo de San Antonio
Monforte de Lemos, Lugo Spain
+ Google Map