Cargando Eventos

Recollida de testemuños sobre diversidade sexual e de xénero

Protagonista: Colectivo Agrocuir da Ulloa

Ata o 28 de xuño, levarase a cabo un proxecto de  recolida de testemuños orais relacionados coa diversidade sexual e de xénero pola provincia.A Vicepresidencia colabora co Colectivo Agrocuir da Ulloa para crear un mapa sonoro da  memoria LGTBIQA+
A Rede Museística Provincial e o Colectivo Agrocuir da Ulloa colaboran na posta en marcha dun proxecto de recuperación da memoria das persoas LGTBIQA+. Baixo o epígrafe “Facémonos escoitar?”, o proxecto busca recoller testemuños orais para “construír a memoria LGTBIQA+” en distintas comarcas. A convocatoria está aberta a persoas, colectivos e institucións, que poidan achegar experiencias propias ou de acompañamento da loita polos dereitos e liberdades no que ten que ver coa diversidade sexual e de xénero.
“Non buscamos únicamente persoas LGTBIQA+, senón a calquera persoa que considere que ten algunha historia significativa que contar para a historia LGTBIQA+ da provincia de Lugo, ben sexa a través da súa propia vida, ben sexa como aliadas do colectivo LGTBIQA+. Unha sociedade inclusiva e diversa constrúese entre todas as persoas que a forman. E iso é o que buscamos: veciñas e veciños, nais, tíos, activistas, funcionarixs, etc. que compartan con nós algunha vivencia, lembranza ou anécdota vivida ao longo das súas vidas en relación á temática que nos ocupa”, explicou na presentación Adrián Gallero, membro do Colectivo Agrocuir da Ulloa.
O traballo de campo e o proceso de documentación desenvolverase co apoio da Cooperativa Indaga. As persoas interesadas en achegar os seus testemuños deben dirixirse ao Colectivo Agrocuir da Ulloa, a través das súas redes sociais ou do enderezo electrónico agrocuirsdaulloa@gmail.com .  O obxectivo da recollida é crear diferentes materiais para visibilizar a diversidade sexual e de xénero na que convivimos co horizonte posto no 28 de xuño, Día Internacional do Orgullo.

Obxectivos: un arquivo sonoro, un proxecto expositivo e un roteiro por Lugo
Así, crearase un arquivo sonoro en formato de mapa interactivo no que se volcarán, xeolocalizados, os audios da comunidade que se vaian recibindo. Tamén se deseñará unha exposición itinerante que se poderá visitar nos diferentes museos que conforman a Rede Museística Provincial e na que as protagonistas serán as persoas que contribúen, a través das súas propias vidas, a aportar diversidae e riqueza á historia colectiva das súas comunidades. Ademais, definirase un roteiro por Lugo, que una os lugares que son escenario da memoria LGTBIQA+ da cidade.

31 Maio, 2021 - 28 Xuño, 2021

8:00 a.m. a 5:00 p.m.

Sin localización