Cargando Eventos

Romaría do Faro

A ermida do Faro e o seu excepcional contorno, un dos cumios máis altos de Galicia, son o escenario da romaría da Virxe do Faro, que cada ano regresa dende o seu refuxio, na igrexa de Requeixo, ao alto do monte para vivir a xornada do 8 de setembro.

Entre os municipios de Chantada e Rodeiro e as provincias de Pontevedra e Lugo, a Serra do Faro é un lugar simbólico de onde se pode divisar boa parte do territorio galego. É, dende todos os tempos, lugar estratéxico e simbólico e sitio espiritual para a poboación destas terras. Por isto a romaría da Virxe do Faro é unha reunión relixiosa para algunha xente e unha tradición para outra. Moitos asistentes á romaría  e veciñanza das comarcas de Chantada e do Deza, seguen a cumprir coa peregrinación deica a capela na madrugada previa á gran festa e chegan deica ela a pé. Hai quen se ofrece ou cumpre promesas ante a figura milagreira ou ascende de xeonllos ou cos pés descalzos o último tramo do camiño antes de chegar á capela.

Durante toda a mañá do 8 de setembro celébranse misas no interior e no exterior do templo. A principal delas está seguida dunha vistosa procesión acompañada de música arredor da capela levantada no s. XVIII e despois re construída, que pode ocupar o espazo dun edificio incluso anterior.

A xornada complétase cun xantar campestre no que familias e grupos comparten mesa ou mantel no chan nos infinitos recunchos naturais do monte. Hoxe en día tamén é posible chegar sen equipaxe gastronómica e optar polo menú que ofrecen os postos de polbo ou churrasco instalados para a ocasión. Non falta a música tradicional para aderezar unha xornada marcada  no almanaque da xente do lugar dende tempos inmemoriais.

Chantada

Auditorio municipal
Chantada, Lugo Spain
+ Google Map