Cargando Eventos

Día da ruta Transrománica

Protagonista: Deputación de Lugo

Xa poucas prazas quedan para as 14 rutas que programou a Deputación de Lugo para conmemorar o Día da Transrománica, este vindeiro domingo, 9 de maio. As persoas interesadas en participar nalgunha das propostas, unicamente poden acceder ás prazas de reserva restantes.

O obxectivo desta acción é poñer en valor este patrimonio entre a veciñanza da provincia e favorecer o turismo de proximidade. A través dela poderase coñecer a Catedral e casco histórico de Lugo; a Igrexa de Santa María de Pesqueiras e Santa María de Nogueira de Miño, en Chantada; a Igrexa de San Xoán da Cova, en Carballedo, ou San Paio de Diamondi, no Saviñao, entre outros. Ademais, inclúese unha visita á igrexa de Santa María, en Meira, e á Basílica de San Martiño de Mondoñedo, en Foz.

As igrexas que inclúe a candidatura presentada á Transrrománica son as seguintes: o mosteiro do Divino Salvador, en Ferreira de Pantón; a igrexa de San Xoán da Cova, en Carballedo; a igrexa de Santa María de Nogueira de Miño, en Chantada; a igrexa de San Pedro de Ribas Altas, en Monforte de Lemos; a igrexa de San Facundo de Ribas de Miño, en Paradela; a igrexa de San Nicolás ou San Xoán, en Portomarín; a igrexa de Santa María de Torbeo, en Ribas de Sil; a igrexa de Santo Estevo de Ribas de Miño, no Saviñao; a igrexa de Santa María de Proendos, en Sober; e a igrexa de Santa María de Taboada dos Freires, en Taboada. 

Estas 14 propostas realízanse en consonancia cos restantes membros da asociación Ruta Transrománica alcanzando os recursos patrimoniais unha proxección internacional. 

A Ruta Transrománica está recoñecida oficialmente co selo de Itinerario Cultural do Consello de Europa e trátase dunha das principais rutas culturais paneuropeas. Está integrada por rexións de 9 países da Unión Europea -Austria, Alemaña, Francia, Italia, Romanía, Portugal, Serbia, Eslovaquia e España- e aglutina un conxunto de monumentos románicos, moitos deles declarados Patrimonio da Humanidade pola UNESCO.