Festa do Caldo de Ósos
A fin de semana do 18 e 19 de febreiro hai festa en Taboada. Regresa a degustación colectiva do prato máis senlleiro das terras do municipio.
A cita con este manxar de culler é propiamente o domingo. Pero xa o sábado se levarán a cabo distintas actividades como o festival Festóso, a ruta polos bares e as citas de entroido. Francisco de Romualdo, que rexenta a casa rural do mesmo nome na parroquia de Vilela, será este ano o encargado de pronunciar o pregón na mañá do domingo.
Esta festa chega xa aos 31 anos de celebración e tense convertido nunha data de referencia especial tanto para a comunidade local como para as/os visitantes. Será un domingo de música, venda e exposición de produtos artesanais e da terra, oferta culinaria relacionada coa carne de porco e co caldo de ósos nos bares e restaurantes da vila, viños da Ribeira Sacra e moitas outras iniciativas.
O programa que aparece a continuación detalla todos os horarios e propostas. Tamén poden consutlarse nas redes sociais, sobre todo a través do Facebook oficial do Concello de Taboada, da páxina XXXI Festa do Caldo de Ósos, e da dos colectivos Marrao Enxebre e a Asociación de Comerciantes e Empresarios de Taboada( ACIMTA)