Cargando Eventos

Xornada de Mobilidade Sostible na Ribeira Sacra

O vindeiro día 5 de xuño, coincidindo co Dían Mundial do medio Ambiente, terá lugar unha Xornada de Mobilidade Sostible.
A organización do evento intégrase dentro do Plan de Sostibilidade Turística de Ribeira Sacra e está impulsada polo Consorcio de Turismo. O plan contempla diversas actuacións no ámbito da mellora da mobilidade e a decarbonización nos medios de transporte empregados no eido turístico da #RibeiraSacra e, en concreto, esta xornada conta cun programa moi completo con actividades on line de análise e tamén visitas a distintos puntos.

A sesión on line ao longo da mañá, moderada polo arquitecto Marío Crecente, comezará co tema das infraestruturas históricas vencelladas ao transporte na Ribeira Sacra. Falarase, máis adiante dos Plans de Mobilidade, das axudas da Xunta para o fomento das enerxías renovables en transportes, da mobilidade sostible na conca Miño-Sil, entre outras cuestións transversais. Varios profesionais e expertos serán os encargados de traer a exposición destes asuntos de futuro.

A xerente do Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra, Alexandra Seata, moderará a mesa redonda de servizos turísticos, que comezará ás 13.15 e contará con persoas dedicadas ao turismo en distintas áreas e ramas concretas dentro do territorio da Ribeira Sacra.

Xa pola tarde terán lugar as actividades presenciais para as que será preciso inscribirse previamente consultando a través do correo electrónico turismo@ribeirasaacra.org. Nesta sesión vespertina comezarase cun traslado en autobús dende o parador de Santo Estevo ao embarcadoiro que leva o mesmo nome. Alí terá lugar unha demostración de ciches, bicis e barco eléctrico no río Sil. Continuará a tarde cunha visita panorámica ao miradoiro da central hidroeléctrica de Santo Estevo para visitar despois a localidade dos Peares con traslado en autobús. Unha vez nesta localidade dos catro concellos e os tres ríos terá lugar unha visita guiada pola historia e a realidade do ferrocarrilcun viño de despedida e traslado de novo ao mosteiro de Santo Estevo.