A maxia de fotografar o raio verde

Chantada
3 Xullo 2019
Ciencia
Lorena Gallardo | 3 de xullo de 2019
Na vida hai momentos verdadeiramente máxicos. A chantadina Sandra Sánchez viviu un deses intres de enerxía a pasada fin de semana cando fotografou o mítico raio verde do Sol dende as illas Cíes. Estaban alí, en clonfluencia, as súas grandes paixóns: o mar, o solpor e a fotografía.  E tiña que pasar.

En realidade esta mestra e fotógrafa afeccionada recolleu, disque por casualidade,sen apenas equipo e en modo automático, un dos momentos máis buscados polos fotógrafos do horizonte. Falamos dun fenómeno óptico  que adoita ocorrer xusto antes da saída do sol ou xusto ao remate da posta do sol e que é visible durante apenas un ou dous segundos. Teñen que darse as condicións para observalo, non é nada doado, pero máis aínda para captalo coa cámara. Debido á súa fugacidade e espectacularidade, o raio verde está rodeado de misterios e de mitos ao longo do mundo e é, por exemplo, o argumento dunha das novelas de Julio Verne.
Como amante da literatura, da natureza e do horizonte mariño, Sandra sabía moi ben qué era o raio verde. Pero non se percatou de que foi seu por un momento ata que revisou a ráfaga fotográfica desa posta de sol dende as Cíes no visor da súa cámara. Son esas cousas marabillosas que pasan cando non se procuran. Un premio por ter fotografado tantos solpores, por aprezar a beleza e por buscala... como cando puido ver a aurora boreal nunha viaxe ao norte da Terra, a Tromso, en Noruega. Pero desta vez a cor indescriptible e ese brillo estaban máis preto da casa. 

A continuación galería de fotos coa secuencia desta posta de sol.

Concello
Concello Chantada
Chantada Saber máis