A orixe da paisaxe da Ribeira Sacra podería datar do século X
A directora xeral
de Patrimonio Cultural da Xunta, Mª del Carmen Martínez Insua, e o director de
Incipit-CSIC, Felipe Criado, presentaron hoxe os resultados das primeiras
datacións nas terrazas da Ribeira Sacra que sitúan a súa orixe no século X e
permiten reforzar a súa orixe e evolución histórica como paisaxe vitivinícola.
Trátase dun estudo de especial relevancia que permite achegar evidencias
científicas da orixe destes elementos singulares da Ribeira Sacra.
Segundo estas
actuacións, as datacións máis antigas da mostraxe identificáronse no século X,
en época altomedieval, o que constata que o proceso de construción de terrazas
remóntase a épocas pre-Císter. Realizáronse un total de 110 mostras recollidas
e repartidas en cinco sondaxes en cuxa distribución influíron criterios como
que houbera catas preto e lonxe do río, distintos graos de pendente ou
distancia do xacemento dos conventos. Tratábase de facer o mostrario o máis
diverso posible para poder comprobar como foi crecendo en extensión a explotación
agraria.
Ademais das
datacións, este proxecto, levou a cabo dúas campañas de escavación no xacemento
dos Conventos, un estudo etnográfico entre os veciños e o estudo da
documentación medieval referente a esta parroquia ribeirá. Os dous achados máis
reveladores desta escavación coinciden tamén no século X: un enterramento no
que se localizaron restos humanos e unha lauda funeraria con inscrición.
Ademais de coincidir no tempo coas datacións dos bancais, revelan un uso sacro
dese espazo.
Tal e como se pode
concluír das datacións, e segundo esta nota do Departamento de Cultura da
escavación dos Conventos e da documentación, este proceso de expansión continúa
ao longo dos séculos. Analizando os datos das mostras, revélase tamén que no
século XIII hai unha intensificación na construción de bancais para cultivo na
ribeira de Vilachá. No século XVI, volvería
haber outro pico de intensidade na construción de bancais, algo que
demostran estes estudos, que permiten realizar unha evolución histórica destes
elementos.
Na actualidade o
lugar dos Conventos xunto ás adegas tradicionais de Vilachá configuran un
recurso turístico no que se pode coñecer a historia e catar o viño deste
territorio dun xeito respectuoso e harmónico. O Concello da Pobra do Brollón
ofrecerá en Semana Santa (do 1 ao 4 de marzo) esta visita guiada para grupos de
oito persoas respectando todas as medidas pertinentes pola pandemia.
Nesta reveladora
presentación participou a edafóloga Cruz Ferro, o arqueólogo Xurxo Ayán, o
alcalde da Pobra do Brollón, Xosé Lois Maceda, e o pdte, da AAVV de Vilachá de
Salvadur, José Castiñeira.