A paisaxe cultural da Ribeira Sacra xa é BIC

Ribeira Sacra
9 Xaneiro 2019
Cultura
Redacción | 9 de xaneiro de 2019
A Ribeira Sacra xa é Ben de Interese Cultural pola súa paisaxe cultural.  O singular concepto baséase, a grandes rasgos, nas características dun «lugar identificable por un conxunto de calidades culturais materiais e inmateriais singulares, obras combinadas da natureza e o ser humano, que é o resultado do proceso da interacción e interpretación que unha comunidade fai do medio natural que o sustenta e que constitúe o soporte material da súa identidade». 

 A Xunta de Galicia pechaba o ano 2018 coa declaración oficial deste territorio como BIC. O 27 de decembro foi aprobado o decreto polo Consello da Xunta;  o 28 celebrouse en Pantón un acto institucional de apoio á candidatura da Ribeira Sacra para ser declarada Patrimonio Mundial da Unesco e o 31 de decembro o Diario Oficial de Galicia publicaba o decreto que contén os detalles desta declaración, as normas de protección ás que se someterá o patrimonio material, inmaterial e paisaxístico e as delimitacións territoriais con distintos graos de afectación entre moitos outros aspectos.

Deica aquí os feitos -que, seguramente, mudarán nun senso ou noutro o xeito de desenvolvemento deste territorio- e dende aquí as distintas interpretacións do decreto, o que sobra, o que falta, as futuras aplicacións, as eivas, as fortalezas e o debate en torno ao futuro turístico, económico, cultural, social e demográfico da Ribeira Sacra. Queda moito do que falar.

Concello
Ribeira Sacra
Ribeira Sacra