Queima das Fachas de Castelo. A maxia da noite e do lume.

Taboada
10 Setembro 2018
Cultura
Redacción | 10 de setembro de 2018
A Queima das Fachas de Castelo traslada á veciñanza da comarca cada noite do 7 de setembro aos tempos remotos de rituais pagáns e vida castrexa. Poucos eventos con raíces tan lonxanas se conservan na Ribeira Sacra, e todos os que emparentan con el están tamén protagonizados pola maxia do lume e da noite
Sobran, ás veces, as  palabras para acompañar as imaxes e a luz máxica do lume. Este é precisamente o protagonista da Festa da Queima das Fachas que cada noite do 7 e madrugada do 8 de setembro se revive no castro da parroquia taboadesa de Castelo.

Ritual de explicacións variadas, pero seguramente arraigadas dende a época castrexa, e tradición poderosa que logrou sobrevivir ao paso dos séculos e atrevámonos a dicir que milenios. Todo grazas á transmisión de xeración en xeración, e hoxe visible pola tenacidade dos poucas veciñas e veciños da aldea. Declarada Festa de Interese Turístico Galego, a Queima das Fachas de Castelo comeza semanas antes, cando nenas e nenos, mozas e mozos e persoas maiores comezan a recoller os agucios ('Asphodelus albus') no monte  para crear os xigantes fachuzos que arderán na noite máis agardada. A procura teimuda desta planta rematará nun círculo de luz arredor da cima do castro que é visible en moitos quilómetros á redonda.

Conecta esta tradición co tamén arraigado Folión de Fachas de Vilelos, que se celebra días despois no Castro da Vesta, no Saviñao.
Concello
Concello Taboada
Taboada Saber máis