Aprazada a candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio Mundial
Segundo argumentaron trataríase dunha decisión consensuada
co fin de “ fornecer aínda máis candidatura atendendo ás avaliacións e os
informes de Icomos, organismo asesor da Unesco no trámite de avaliación das
candidaturas”.
O Conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, e o embaixador de
España ante a Unesco, Juan Andrés Perelló, comunicaron este xoves, 3 de xuño, esta
decisión que foi tomada tras unha reunión mantida en París.
Hai que seguir “mellorando aspectos que nos permitan
acreditar con toda a forza os valores excepcionais da Ribeira Sacra”, sinalou o
representate da Xunta para impulsar, “aínda con máis garantías, a súa inclusión
na lista de Patrimonio Mundial. O proceso é esixente e os técnicos apuntaron
que “continuarán traballando conxuntamente para estar na fase final no prazo de
tempo máis breve posible”.
Nunha nota de prensa, a Consellería veu indicar que existen
uns criterios cada vez máis esixentes para España. O Comité da Unesco “está
endurecendo as súas medidas e é cada vez máis estrito e rigoroso dando prioridade
aos países con menos bens declarados”. España é un dos tres países con máis bens
recoñecidos pola Unesco, só por detrás de Italia e China. Dos 48 bens cos que
conta España, 13 foron declarados na última década.
Por outro lado, queren incidir nos “grandes fitos acadados
nun tempo record” e engaden que a situación de pandemia tamén afectou ao
procedemento “ ao acumularse as candidaturas do ano pasado logo de que a Unesco
non reunise ao seu Comité do Patrimonio Mundial”.
Aínda máis, sinalaron que a decisión, cualificada de “estratéxica”
de pospoñer o último paso da candidatura é un trámite “normal e habitual nas
candidaturas que compiten por ser declaradas Patrimonio da Humanidade”. Puxeron
de exemplo casos similares que xa levaron a cabo este paso atrás nos últimos
anos como son o Priorat de Tarragona e a Menorca Talayótica, ou outras a nivel
internacional como Prosseco en Italia, que conseguiu o máximo recoñecemento da
Unesco en 2019 tras aprazar un ano a súa presentación.
Rodríguez declarou que “O noso horizonte continúa sendo o
mesmo: que a Ribeira Sacra sexa Patrimonio Mundial. Estou seguro de que estamos
preto de conseguilo e por iso desde a Xunta non só manteremos os investimentos
previstos, senón que os incrementaremos para continuar poñendo en valor e
garantindo a protección do conxunto deste territorio”.
O Plan Ribeira Sacra, vixente ata 2023 seguirá adiante de
xeito paralelo ao traballo na candidatura. Este proxecto está dotado con 34
millóns de euros para 35 accións en diversos aspectos que se definiron dun modo
xenérico como ordenación do territorio, conservación do patrimonio e dos
valores naturais, desenvolvemento sustentable, educación ou xestión do turismo.