Dous días de Castañazo, de rock, de foliada e de rúas vivas no gran festival do outono

Chantada
8 Novembro 2018
Cultura
Lorena Gallardo | 8 de outubro de 2018
Unha nova edición do Castañazo Rock anegou a vila de Chantada de ambiente festivaleiro os días 2 e 3 de novembro. O tempo do magosto é para a comarca o tempo da música, de volver cun pequeño chisco de ollos a aqueles anos do movemento bravú, de manter vivo o rock, e de saudar a moitos outros estilos que moven a milleiros de persoas. Cantos de taberna como un dos reclamos fundamentais , reivindicación da tradición e aposta pola modernidade reuniron no recinto do mercado gandeiro a milleiros de persoas que tamén levaron o festival ás rúas da localidade.
O Castañazo Rock nacía en Chantada naqueles anos de efervescencia do movemento bravú a través das formacións locais que se expresaban coa música e se xuntaban polos magostos. Eran os anos do manifesto de Viana e da emerxencia de nomes como Rastreros, Diplomáticos de Monte Alto e moitas outras bandas que prenderon a mecha.

Moitos anos despois, arredor dunha década, un grupo de mozos/as da comarca apostaron pola recuperación daquela cultura co lanzamento do novo Castañazo. Un festival que foi mudando e medrando e que, sendo unha proposta masiva, conserva algúns trazos daquela semente. Novos estilos, propostas internacionais e tamén da escena galega e público das máis variadas idades mestúranse no cartel dos últimos anos. É o evento musical por excelencia do outono galego.

A asociación cultural O Castañazo leva dous anos achegando á vila a vida festivaleira durante dúas xornadas nas que os cantos de taberna, os xogos bravús e, por suposto, o Castañazo infantil anegan a vila e logran contaxiar á comunidade local.

Unha oferta cada vez máis profesionalizada, iso si, na onda dos festivais que nestes tempos son destino de milleiros de persoas alá onde se dispoña, neste caso,  no interior de Galicia, preto do seu corazón e en plena Ribeira Sacra.

Concello
Concello Chantada
Chantada Saber máis