Idiomas e música na axenda formativa para o novo curso extraescolar

Chantada
4 Outubro 2018
Educación
Lorena Gallardo | 4 de outubro 2018
Mestura de ocio, formación e saúde compoñen o novo curso fóra dos horarios laborais ou académicos. Chantada, Taboada e Carballedo inician tempada con distintas propostas para a aprendizaxe en idiomas, música, danza e moitas outras disciplinas

O inicio do curso escolar non é só para os estudantes. O comezo do novo ano académico é o que verdadeiramente marca o arranque dun novo ano, dun novo ciclo. Novos propósitos e novos retos que chegan co fin dunha etapa estival tradicionalmente máis libre e anárquica que adoita vir seguida dunha sucesión de xornadas máis rutinarias.

Setembro e outubro comezan a cubrir ocos nas axendas con materias que se reanudan ou se asumen por vez primeira e cuxa oferta se fai presente na nosa comarca. Mestura de lecer, formación e saúde compoñen o novo curso fóra dos horarios laborais ou académicos.

Idiomas: ‘Poñerse co inglés’

A materia pendente para moitas persoas é a formación en idiomas, e o inglés segue a ser o obxectivo permanente ou a esixencia básica no currículo. A implantación dunha sección da Escola Oficial de Idiomas en Chantada achegou a lingua inglesa con estudos regulamentados á comarca. No curso 2018-2019 a EOI,  cuxas aulas se desenvolven no IES Lama das Quendas, amplía os niveis formativos.  Así ofertaranse estudos dos niveis A1, A2, B1,B2 e C1. O período de pre inscrición comezaría o 10 de setembro para todas aquelas persoas que desexen matricularse por vez primeira na Escola Oficial de Idiomas Inscricións aquí

O do inglés está máis  que ben, pero o coñecemento certificable da nosa lingua, tamén é un requirimento. Por isto, Chantada acolle un intensivo de preparación do Celga (CELGA 2,3 E 4). Impártese na Aula Cemit do Concello de Chantada (Telecentro)  e está cuberto polo Servizo de Normalización Lingüística dos Concellos de Carballedo, San Cristovo de Cea e Chantada. Totalmente gratuíto para as persoas destes tres concellos que estean interesadas comezou o 3 de setembro e prolongarase deica o 3 de outubro.  

Información: 982 315 721

A música tamén está na axenda

A formación medra tamén no eido musical na comarca en función dunha importante demanda da cidadanía. Dende as primeiras idades a aprendizaxe musical está na axenda extra escolar. Pero a comarca respira música dende todos os tempos e a gran afección e tradición  tradúcese tamén no reforzo da oferta formativa e na vitalidade da Casa da Música. As inquedanzas por tocar un instrumento, ou a danza e a integración de agrupacións teñen o seu espello na Escola de Música, á que cada ano se apuntan máis veciñas e veciños. O curso comezaría o 1 de outubro e para moitas persoas é o momento agardado para cumprir cun vello soño: o de interpretar e crear, que está ao alcance da comunidade local. 

Inscricións: Casa da Música. Praza de Galicia, 2. Chantada.

A música tradicional ocupa un lugar fundamental na comarca e nas raíces culturais. Varios colectivos imparten formación de gaita e instrumentos tradicionais galegos, así como danza. Un deles é Rechouchíos de Taboada, que comeza o curso en outubro con ensinanzas para nenos e adultos. Baile tradicional, pandeireta e percusión son a base desta asociación que ten o seu propio grupo de música e danza. 

Inscricións: 606 818 740/ 656 873 277 rechouchios@outlook.es

Actividades para mozos

O Espazo Xove ou Casa da Xuventude de Chantada inicia tradicionalmente o outono co lanzamento da axenda de cursos e actividades da nova tempada. Trátase de disciplinas que combinan accións creativas, formativas e deportivas. As aulas de pintura ao óleo son un clásico xunto con outras como a de step ou zumba e o teatro. Nos últimos anos as novas tecnoloxías ocupan un tempo importante dentro da programación á que ten acceso a mocidade dende os 10 deica os 30 anos de idade. Exemplos son o obradoiro enredados na rede ou o de deseño gráfico. A estas engádense propostas como a das amadas e odiadas matemáticas, o debuxo artístico, o obradoiro de creatividade e un taller de teares. A aula de reciclaxe e a fotografía dixital completan unha oferta  á que se accede de balde, de luns a venres.

Máis información: Espazo Xove, na Rúa Rosalía de Castro 1/ teléfono: 982 441 614.

Máis aló, e capítulo aparte,  está a sempre imprescindible práctica deportiva, que nestes días tamén lanza a nova programación por parte dos centros deportivos e Escolas Municipais nos concellos de Chantada, Taboada e Carballedo.

Concello
Concello Chantada
Chantada Saber máis