Nace unha Axenda Rural Europea dende a Ribeira Sacra ourensá.

Nogueira de Ramuín
12 Novembro 2019
Desenvolvemento
Redacción | 12 de novembro de 2019
O Ourense Rural Summit, iniciativa organizada pola Universidade de Vigo e a Deputación Provincial de Ourense, pechouse coa sinatura da Declaración de Santo Estevo de Ribas de Sil por unha Axenda Rural Europea. Nela márcase unha folla de ruta de sete puntos para o International Observatory of Rural Research, promovido polas dúas institucións para o impulso dos territorios rurais dende o punto de vista da economía global, a sociedade e o medio. Arredor de 130 especialistas de dez países participaron neste encontro contra o abandono e o despoboamento. A Ribeira Sacra e Ourense poden ser un bo laboratorio  para unha Europa onde o 80% do territorio é rural. Innovación, tecnoloxía e actitude positiva einternacionalización poden ser chaves nun reto onde os servizos sociais básicos a sociedade do coñecemento e a alta calidade de vida teñen que entrar en xogo nun futuro sustentable.

A Declaración de Santo Estevo de Ribas de Sil por unha Axenda Rural Europea asinada o 31 de outubro realízase “baseándose nas achegas e conclusións de todos os participantes e co ánimo de liderar unha evolución do rural en positivo”. Nela, declaran “que unha política rural innovadora, coherente e integradora debe inspirarse” nas medidas propostas neste documento e “que teñen que ser levadas a cabo dende unha axenda rural europea necesaria para afrontar os retos do rural”. 

A primeira das medidas contempladas é “impulsar a creación de ecosistemas de innovación rural a través do desenvolvemento e integración de solucións baseadas no coñecemento social, científico e tecnolóxico”.

 A segunda é “revitalizar os territorios, apostando por novos investimentos e modelos que xeren valor engadido para a sociedade en áreas como o emprendemento, os servizos básicos, a sociedade do coñecemento e o desenvolvemento das competencias sociais, persoais e profesionais ao longo da vida”.

 A terceira das propostas recollidas é “reivindicar unha alta calidade de vida como elemento competitivo das zonas rurais que poda atraer e fixar poboación moza” e a cuarta “preservar e dar valor ao patrimonio natural e cultural do medio rural para garantir o seu desenvolvemento endóxeno e unha xestión sustentable dos recursos naturais”. 

A quinta é “apoiar a loita contra o cambio climático con accións que axuden a mitigar e adaptar os territorios aos seus efectos, pondo en valor o potencial de sectores como a enerxía renovable, a bioeconomía e a economía circular” e a sexta “impulsar as cadeas de valor rural e examinar as novas oportunidades de negocio para as empresas de todos os sectores”. 

A última das medidas recollidas no documento é “apostar por unha gobernanza local máis moderna e áxil introducindo elementos participativos da cidadanía e mellorando as capacidades das administracións públicas para simplificas os trámites burocráticos”. Por último, a declaración tamén fai fincapé en que “consideramos necesaria a creación dunha axenda rural europea que actúe como marco de acción para o deseño das políticas do medio rural”.

Estas sete medidas serán as que guíen a estratexia do International Observatory of Rural Research, que “ten como visión liderar unha evolución do rural en positivo” e actuar como axente “multiactor de innovación que impulse procesos participativos de transformación rural baseándonos no coñecemento científico”. A transición ecolóxica e xusta; a atención integral ao envellecemento; o cambio demográfico e o despoboamento; o desenvolvemento intelixente dos territorios; a calidade e seguridade alimentarias e comunidades igualitarias e inclusivas son grandes metas. Do mesmo xeito, os especialistas definiron tres grandes áreas de innovación para o observatorio. A primeira é a economía rural, con temas como a bioeconomía, a economía circular, o turismo, novos modelos de negocio, a agricultura e gandería de precisión e a innovación tecnolóxica. O segundo polo de innovación é o social, con perspectiva de xénero, a inmigración ou a calidade de vida, os servizos básicos, o emprendemento, o desenvolvemento de competencias persoais e profesionais e a formación en cuestións de responsabilidade social, individual e colectiva. O terceiro gran polo identificado é o medio ambiente e o cambio climático, achegándose a cuestións como o desenvolvemento sostible, a mitigación do cambio climático, a biodiversidade e a ecoloxía, a transición enerxética e enerxías renovables e a preservación de recursos naturais.

Concello