Noite de historias e memoria viva sobre os carros do Folión

Chantada
26 Agosto 2019
Memoria
Cultura
Redacción |  26 de agosto de 2019 
A noite foi para a festa e para a memoria en Chantada un ano máis. O desfile de historias locais, de raíces, de pasado  e de pobo que é o Folión de Carros brillou o sábado cunha luz que nos proxecta cara o futuro desta manifestación cultural tan senlleira. Máis plataformas que carros do país transportaron o teatro da xente, e as investigacións sobre o pasado que retorna por un día. Certo é que tamén se sentiron cantar algúns carros, renxeron tan forte como o esforzo por reivindicalos como base deste folión. Doce carrozas nas que viaxaron outras tantas escenas: as antigas feiras e oficios vilegos e do agro,  os zapateiros, os alambiqueiros, os ferreiros, o reloxeiro,os comerciantes, os cantineiros, panadeiros e chocolateiros... Xogadas de vacas e bois chegados de diversos puntos tiraron desta festa de etnografía e de colectividade que se prolonga cada vez máis nas horas previas da foliada e que se reforza coa implicación veciñal máis aló das e dos/as protagonistas: as carroceiras e os carroceiros.

Concello
Concello Chantada
Chantada Saber máis