Presentan un libro que reivindica a figura de M. Portela Valladares na defensa da autonomía galega

Castro Caldelas
31 Outubro 2018
Cultura
Redacción | 31 de outubro de 2018
O castelo de Castro Caldelas albergou un acto cultural no que a historia e a literatura foron protagonistas. O Presidente do Parlamento de Galicia e o autor do libro ‘M.Portela Valladares: Ante el Estatuto’ deron a coñecer este traballo nun encontro acompañado da música do cantautor Amancio Prada
Manuel Portela Valladares foi un político liberal e galeguista que tivo o cargo de Ministro durante o reinado de Alfonso XIII e foi tamén xefe do consello de Ministros durante a II República.

A presentación do libro ‘Portela Valladares: Ante el Estatuto’ no castelo de Castro Caldelas foi o pasado 27 de outubro un xesto de reivindicación desta figura política e do seu papel na defensa do Estatuto de Autonomía de Galicia do ano 1936, que fora plebiscitado pero non promulgado polo estourido da Guerra Civil.

O seu autor é Manoel Carrete Rivera, quen participou neste evento impulsado polo Presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices, e que foi acollido dende o Concello coa intervención da alcaldesa Sara Inés Vega. Tamén interviñeron o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Luis Fernández e o secretario xeral de Política Lingüística da Xunta, Valentín García.

‘Ante el Estatuto’ é o título da obra de Portela Valladares na que se recollen parte dos seus discursos en defensa do galeguismo e cuxa portada fora debuxada por Castelao. Precisamente un destacado discurso fora pronunciado en xullo de 1932 no Centro Galego de Barcelona, entidade que edita esta publicación e na que foi figura fundamental o caldelao Manuel Casado Nieto despois de mediados dos anos 50.

Concello