Proendos deixará á vista o seu gran hórreo romano
A Xunta de
Galicia e o Concello de Sober colaboran neste proxecto que pretende poñer en
valor os restos atopados e en fase de coidados por parte de Tempos Arqueólogos
e dirixidos por Francisco Alonso Toucido.
Os traballos en
marcha dan continuidade ás actuacións impulsadas neste espazo os últimos anos e
que xa sacaron á luz restos romanos do século I ao V que foron amosados esta
semana nunha visita guiada á que acudiu numeroso público interesado na historia
e no pasado deste enclave da Ribeira Sacra.
A primeira das
actuacións centrouse na zona onde se atopa a estrutura tipo hórreo, mentres que
a segunda sondaxe sitúase nunha zona do xacemento próxima a igrexa de Santa María
de Proendos para comprobar a posible existencia dunhas estruturas circulares.
Neste lugar tense
constatado desde antigo, a través de achados casuais e intervencións non
sistemáticas, a aparición de significativas evidencias materiais de adscrición
romana que van desde un gran número de fragmentos de tégula, ladrillos e
cerámica, ata varios fragmentos de columnas, capiteis, basas, epígrafes e
restos de canalizacións de granito, moitos dos cales aínda se conservan nos
muros de peche e no interior das casas a actual aldea de Proendos, tal e como
amosou a Canle Ribeira Sacra nun vídeo realizado na pasada campaña coa
colaboración da veciñanza.
Os últimos
traballos impulsados neste xacemento xa constataron a existencia dun
hipocausto, unha estancia oca que os romanos adoitaban construír debaixo do
chan nos cuartos das vivendas e nos baños para que circulara o aire quente. Unha
calefacción da época. Tamén se localizou unha ábsida circular, un elemento
arquitectónico de orixe romano presente tanto en edificios relixiosos como
seculares, e unha hipotética horrea
romana. A estas achegas súmanse os numerosos materiais ou os restos das
estruturas das edificacións, que xa foron localizadas a un nivel moi
superficial nas primeiras xornadas de traballo, ou a aparición dun mosaico
romano que non se conserva íntegro, pero do que si apareceron varios fragmentos
reducidos.
A prospección
impulsada polo Concello de Sober no ano 2019 xa permitiu constatar a existencia
de, polo menos, un complexo de hipocaustos de extensión considerable, varios
elementos de posible carácter público e de servizos, posibles estruturas de
habitación, unha probable trama urbana ou estruturas funerarias, así como un
hipotético sistema de condución de augas.