San Pedro de Rocas, a arquitectura rupestre dos anacoretas da Ribeira Sacra

Esgos
12 Febreiro 2019
Patrimonio
Cultura
Redacción | 12 de febreiro de 2019
O  misterio e forza natural e espiritual do mosteiro de San Pedro de Rocas,  no concello ourensán de Esgos, non se lle escapan a ninguén que visite este enclave.  Interesante por moitos factores, pero sobre todo por antollarse como asentamento dos primeiros eremitas na Ribeira Sacra agora si parece desvelar a súa existencia como complexo rupestre. A raíz das últimas investigacións os segredos na rocha escavada recentemente publicados polos estudosos ourensáns Jorge López Quiroga (arqueólogo e profesor da Universidad Autónoma de Madrid) e a historiadora da arte Natalia Figueiras Pimentel (Universidad Pablo de Olavide, Sevilla) poden ser unha pequena gran revolución para este singular monumento.
A capitalidade e avance que supoñen estas pesquisas é que se trata da primeira ocasión na que se evidencia, no material, a existencia de eremitas en Rocas. Lonxe da especulación, a arqueoloxía da arquitectura e a caracterización de materiais xunto co aspecto tecnolóxico e de procedemento permitiron  atopar o que foi este lugar na súa orixe.

López Quiroga e Figueiras Pimentel amosaron unha imaxe de Rocas distinta á que tiñamos deica estas datas. As Ciencias Aplicadas ao Patrimonio fixeron posible e visible unha parte dos elementos materiais que falan das afastadas orixes deste lugar de vida e de culto escavado na pedra. A arquitectura na roca está precisamente relacionada, sosteñen, con esa orixe eremítica e anacorética. Os primeiros monxes dos primeiros séculos do cristianismo retirados e dedicados á vida contemplativa estarían xa nestas terras da Ribeira Sacra.

Restauración do eremitorio rupestre entre os séculos IX e X

O primeiro testemuño documental conservado do ano 1007  podería enmarcarse no proceso das restauracións de supostos mosteiros e lugares abandonados para xustificar a propiedade na época alto- medieval. Hai tamén dous elementos materiais que poden facer entender esa fase de “restauración” entre os séculos IX e X: a “inscrición fundacional” e a base ou pé do altar.

Pero a planimetría completa do conxunto, a partir do levantamento en 3D proporcionado por un láser escáner, en relación a dúas das capelas( central e lateral dereita) faille concluír a estes expertos que a obra resulta dunha planificación dun mestre construtor que parte das cavidades xa anteriores e baleira a rocha como se dunha escultura se tratara.

Está clara a arquitectura específica de substración típica nas técnicas rupestres e fronte á tradicional, construída por adición. En conclusión, se os construtores do que vemos actualmente non tiveran referencias anteriores exactas  do espazo, o resultado final tería sido máis “orgánico, irregular e espontáneo”. En Rocas hai control e dominio das medidas e proporcións, polo que se trataría dunha arquitectura pensada e deseñada e posteriormente levada á obra. Isto fai pensar, din, que existían trazas previas na roca.

Así a planta actual sería en realidade unha segunda fase construtiva, da época altomedieval, dun complexo rupestre que foi a primeira fase do mosteiro. Unha etapa anacorética primeiro e despois unha fase cenobítica en tempos de Afonso II, na segunda metade do ´seculo IX.

Dos anacoretas aos monxes en convivencia

Unha etapa tardo-antiga  que se evidencia nas pegadas hoxe visibles na propia rocha do que puido ter sido un  ‘abrigo rupestre’, adaptado a un uso habitacional, de culto e funerario”, manifestaron Quiroga y Figueiras.  Nunha primeira prospección do contorno identificáronse unhas 20 celdas que configurarían unha ‘laura’ ou  complexo eremítico organizado con outros elementos todos eles escavados na rocha. Os estudosos falan dunha clara transmisión de coñecementos entre eremitas ou anacoretas, entre uns e outros, e unha planificación que optimizaría as posibilidades da paisaxe e orografía do terreo. Por isto cren que o contorno natural desempeña un papel socializador entre os ermitaños relixiosos poboadores de San Pedro.

Soidade individual nas celdas e conexión cos visitantes

A conferencia de Ourense desvelou aspectos valiosos e reveladores como que os eremitas optaron por un método de construción que entronca cos textos dos Pais do Deserto: Interconexión e proximidade física entre as celdas, xunto con accesibilidade ás mesmas en torno a unha ou varias vías de comunicación. Unha “simbiose”, din, característica dos eremitas/monxes da Tebaida exipcia. Entre a “soidade individual na propia celda coa presenza de xentes que visitaban aos “ homes santos”.

Haxioscopios e ritos bizantinos en San Pedro de Rocas

O traballo en curso tamén demostra a existencia de haxioscopios. Trátase das estruturas interpretadas deica agora como lucernarios ou sistemas de ventilación. Pero que, segundo sosteñen historiadora e arqueólogo, serían en realidade esta solución arquitectónica propia dos templos bizantinos e da súa liturxia ortodoxa, como na Capadocia, para permitir audición e visión  a un individuo privilexiado nos momentos fundamentais da liturxia. A súa presenza podería revelar un uso do rito bizantino na etapa alto medieval.

 Doutra banda, falan dunha comunidade bastante grande de individuos a teor do número extenso de celdas da laura e a área funeraria visible no interior e exterior do mosteiro xunto coas numerosos inhumacións desaparecidas hoxe. Na fase dos anacoretas existe, segundo interpretan, “ un desexo de soidade interior, casi individual, en multitude. Viven e están recluídos nas súas celdas individuais en illamento interior e físico e tan só se reúnen en ocasións especiais nun espazo destinado expresamente a esta comunicación.

Xa na segunda fase, a do cenobio, illamento será tan so interior e non físico e crease unha comunidade en convivencia.

A maior extensión de San Pedro enmárcase nun asentamento rupestre de anacoretas documentados e ben coñecidos noutras áreas do mundo. Para López Quiroga e Figueiras Pimentel podería compararse a “outra Tebaida, como a exipcia, pero neste caso en Occidente, na coñecida como Ribeira Sacra. O proxecto de investigación segue en marcha para coñecer mellor e comprender o atractivo complexo pétreo de Esgos.

Fonte e fotografías: Resumo conferencia UNED Ourense

 

Concello