Sober presenta a Feira do Viño e o Mes do Amandi ollando cara o Sil

Sober
16 Marzo 2019
Viño
Redacción | 16 de marzo de 2019
A Feira do Viño de Amandi será os días 13 e 14 de abril. Chega a segunda cita cos viños da nova colleita na Ribeira Sacra e, desta volta, Sober ten lista unha nutrida axenda de accións relacionadas co viño, coa cultura e coa divulgación que nos últimos anos veñen de agruparse no xa coñecido como ‘Mes do Amandi’. A programación da feira e as actividades previas para estas semanas foron presentadas no miradoiro de Soutochao, en Doade, por parte do alcalde Luis Fernández Guitián acompañado dunha representación dos 24 adegueiros que estarán presentes nesta 37ª edición do certame.
Na cata oficial haberá tres primeiros premios para os tintos da anada 2018, un premio para un branco e outro para viños madurados en barrica. Entre as actividades sectoriais destaca unha xornada técnica dedicada aos viños rosados, un dos novos tipos acollidos dende a D. O. de xeito oficial dende hai uns meses. Por outra banda terá lugar un concurso de sumilleres  e unha actividade de maridaxe dos viños da subzona de Amandi con Faba de Lourenzá, un produto con Indicación Xeográfica Protexida. Por outra banda, viaxa por vez primeira a caravana do Amandi para promocionar os viños e o municipio. Neses días fará paradas en Escairón e na cidade de Lugo.  Toda a programación dos dous días de feira e tamén as actividades previas no eido educativo, musical e promocional que xa deron comezo poden consultarse ao detalle na sección de axenda desta páxina web. Na axenda da Canle Ribeira Sacra.
Concello