Sober reinventa a Feira do Viño de Amandi con actividades todo este mes

Sober
7 Novembro 2020
Viño
Redacción | 7 de novemebro de 2020
O Mes do Amandi xa deu comezo con actividades previas á propia Feira do Viño de Amandi, que se celebrará dun xeito reiventado e adaptado aos tempos de pandemia. A axenda de iniciativas contará con xornadas de formacion, presentacións literarias e artísticas, gastronomía, actividades para os máis pequenos e tamén un túnel do viño, sen faltar a cata oficial dos viños desta subzona.
O Concello de Sober presentou a nova e reiventada programación da Feira-Mostra do Viño de Amandi 2020 e tamén os actos que conforman o Mes do Amandi, as  actividades previas á celebración da Feira-Mostra, que terá lugar no Hotel Pazo de Sober os días 5 e 6 de decembro.

O primeiro dos actos do Mes do Amandi foi un brinde nos Pendellos de Cadeiras, en Pinol. Tamén foi presentado o cartel anunciador da XL Feira do Viño de Amandi, obra de Isabel Núñez,especialmente adaptado para a ocasión cunha vendimadora con máscara.

Este 7 de novemebro a partir das 17:00 horas, a Casa da Cultura de Sober acollerá unha xornada sobre nocións básicas para o aproveitamento dos soutos organizada pola IXP Castaña de Galicia.

Mes do Amandi
No marco do Mes do Amandi, o luns día 9 ás 11:30 horas o alumnadodo CEIP Plurilingüe Virxe do Carme de Sober fará unha visita guiada á restauración das pinturas murais da igrexa de Santa María de Lobios. 

O mércores 11 de novembro ás 12:00 horas haberá un showcooking con Carlos J. González, do Restaurante Merenzao, de Francos de Doade.

O xoves 12 de novembro ás 12:00 horas terá lugar a inauguración da exposición de carteis da XL Feira do Viño de Amandi na Casa da Cultura de Sober.

O venres día 13 de novembro ás 18:00 horas charla nas Merendas con Contos baixo o título ‘Os novos viticultores de Amandi visitan as Merendas con Contos’.

O sábado 12 de novembro ás 12:00 horas na Oficina de Turismo de Sober farase a presentación do slogan promocional dos viños da subzona de Amandi (D.O. Ribeira Sacra).

O mércores 18 de novembro ás 10:00 horas presentarase a IXP Mexillón de Galicia ao alumnado e profesorado da Escola de Hostalería de Rosende. E o xoves 19 a partir das 11:00 horas haberá unha xornada de maridaxe de Mexillón de Galicia con viños de Amandi en colaboración con IXP Mexillón de Galicia. A Escola de Hostalería de Rosende elaborará durante o mes de novembro pratos especiais con produtos da zona maridados con viños da Ribeira Sacra, subzona de Amandi.

A bodega Rectoral de Amandi será o escenario o xoves 19 de novembro ás 12:00 horas da presentación do libro Ribeira Sacra, orixe e evolución da Denominación de Calidade, de José Mouriño. Este acto está organizado por GDR Ribeira Sacra-Caurel, GDR Miño-Ulla, GDR Adercou e GDR Sil-Bibei-Navea.

O venres 20 de novembro a partir das 19:00 horas as Merendas con Contos celebran a Santa Icía.

O sábado día 21 de novembro ás 19:00 horas será a presentación do libro disco de Xabier P. Vizcaíno na Casa da Cultura de Sober, unha actividade patrocinada pola dirección xeral de Política Lingüística.

O mércores 25 de novembro ás 12:00 horas showcooking con Martín Mantilla, do Restaurante Berso de Sober.

Tamén se celebrará o concurso infantil da Feira do Viño de Amandi, cuxos gañadores se darán a coñecer o venres 27 de novembro ás 12:00 horas na Casa da Cultura. Aproveitarase para presentar o pousavasos co debuxo gañador. O venres 27 tamén haberá teatro familiar ás 18:00 horas na Casa da Cultura patrocinado pola Deputación Provincial de Lugo. Presentarase ‘O viaxante dos soños’ de Abú Teatro.

Do 27 ao 29 de novembro celebrarase o Foro Territorios Patrimonio 2020 no Hotel Pazo de Sober organizado por i-Radia. Festival 17º Ribeira Sacra.

As actividades que non poidan contar con público, debido ás restricións impostas polas autoridades sanitarias, serán retransmitidas a través das redes sociais do Concello.

Feira-Mostra do Viño de Amandi 2020
O día 5 de decembro farase a apertura e presentación da Feira-Mostra do Viño de Amandi no Hotel Pazo de Sober. A asistencia será mediante convite a distribuidores, xornalistas especializados e restauradores. O horario será de 11:00 a 14:30 horas e de 16:30 a 20.30 horas. E o domingo día 6 de 11:00 a 14:30 horas.
O pregón da Feira, que correrá a cargo da actriz Benedicta Sánchez, galardoada co premio Actriz Revelación nos últimos Premios Goya polo seu papel en ‘O que arde’, será retransmitido a través das redes sociais do Concello de Sober.
Os mesmos días levarase a cabo a precata e a cata de viños. O domingo día 6 farase a entrega de premios e a clausura da Feira-Mostra ás 13:30 horas.
O alcalde de Sober, Luis Fernández Guitián, recorda que este 2020 “vímonos obrigados a reinventarnos”, polo que anima a apoiar esta Feira “como un modo de apoiar tamén aos nosos bodegueiros nun ano especialmente complicado para todos”.
Concello