Feira do Viño de Vilachá de Salvadur
As singulares e históricas adegas de Vilachá, na Pobra do Brollón, agardan coa mesma ansia que a veciñanza o regreso dunha das feiras do viño máis senlleiras da Ribeira Sacra. Será os días sábado 7 e domingo 8 de maio no contorno deste conxunto histórico de adegas da Abelaira.
O Concello da Pobra do Brollón xa desvelou boa parte da programación dunha cita na que estarán presentes varias adegas profesionais e coma sempre os colleiteiros da zona.
O prato forte musical desta edición será a actuación do grupo Brassica Rapa, primeira fanfarria 100% feminina galega que encherá de ritmos o espazo da Abelaira. Ademais participará un alto número de músicos da zona ou ligadas á Pobra do Brollón. Participará un total de doce grupos de Cantos de Taberna que se dividirán entre os dous días. Tamén tocará este ano a asociación monfortina Baturruka, que levarán o seu formato de batucada polos rueiros das adegas medievais. Ademais, os Gaiteiros de Samoeiro terán o seu momento nesta edición. Trátase do grupo de gaitas formado por alumnos da Escola de Música Municipal Samoeiro, da Pobra do Brollón.
O sábado, dende media mañá participarán os grupos de cantos de taberna: Antoxo duns poucos, A Derradeira, O Recanto, As Macizas Centrais, Os Parrandas e Son do Mao. A programación musical do sábado será pechada por Brassica Rapa cunha actuación prevista para as 22:30. O domingo, abrirán os Gaiteiros de Samoeiro seguidos do pregón que dará paso a Baturruka. O resto do día, a animación correrá a cargo dos grupos Os Corenta e Chinco, Gaiteiros de Samoeiro, As Recuncadas, Searas, Skachakunchas, Os Somontanos e Os Tabernos.
Doutra banda, estase a preparar a organización do transporte deica Vilachá contando co sector dos taxis, para que haxa disponibilidade constante para o traslado das persoas que desexen ir á feira sen ter que levar os automóbiles particulares.