A Ribeira Sacra tamén quere ser Reserva da Biosfera

Ribeira Sacra
14 febrero 2019
Desenvolvemento
Redacción |14 de febreiro de 2019
En pleno proceso e tamén debate cara a candidatura da Ribeira Sacra como Patrimonio da Humanidade e despois de ser declarada BEN de Interese Cultural pola Xunta de Galicia, a Ribeira Sacra retoma o traballo de cara a declaración como Reserva da Biosfera pola UNESCO.

En pleno proceso e tamén debate cara a candidatura da Ribeira Sacra como Patrimonio da Humanidade e despois de ser declarada BEN de Interese Cultural pola Xunta de Galicia, a Ribeira Sacra retoma o traballo de cara a declaración como Reserva da Biosfera pola UNESCO.

Este xoves, 14 de febreiro, a adega Rectoral de Amandi, en Sober, foi testemuña dunha xuntanza impulsada pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda. A directora xeral de Patrimonio Natural, Belén Docampo, reuniuse con alcaldes e representantes municipais dos concellos lucenses para presentar o devandito proxecto.

Dende a Xunta declararon, como administración impulsora, que a iniciativa é aberta á participación de todas as entidades públicas e privadas asentadas nesta zona.

As Reservas da Biosfera son na teoría enfocadas como territorios que actúan unidos co obxectivo de harmonizar a conservación da diversidade biolóxica e cultural co desenvolvemento económico e social a través da relación integral das persoas coa natureza. As funcións fundamentais desta figura, segundo a directora xeral, son a conservación da biodiversidade do territorio protexido, o desenvolvemento das poboacións e asentamentos humanos locais, e o apoio loxístico á investigación, formación e comunicación.

Interprétase que ofrece oportunidades ambientais, culturais e socioeconómicas para as empresas, administracións públicas e entidades privadas asentadas nese territorio.

Os contactos iniciáranse xa en 2018 para atopar apoios e sumar esforzos para presentar ante o Goberno estatal oficialmente este ano a proposta. De acadarse, este territorio entre as provincias de Ourense e Lugo, sería a sétima Reserva da Biosfera de Galicia. Consideran que suporía á vez un gran apoio á candidatura tamén en marcha para declarar esta zona Patrimonio da Humanidade, e hai quen apunta, por outra banda, que podería ser a figura idónea no canto da outra declaración.

 

Case o 25% de todo o territorio galego ten xa esta figura: Terras do Miño, Allariz, Os Ancares, río Eo, Xurés e Mariñas Coruñesas-Terras de Mandeo. Os 20 concellos incluídos nesta nova proposta de Reserva da Biosfera da Ribeira Sacra –Bóveda, Carballedo, Chantada, O Incio, Monforte, Pantón, Paradela, Pobra do Brollón, Portomarín, Samos, Sarria, O Saviñao, Sober, Taboada e Triacastela na provincia de Lugo, e Castro Caldelas, Nogueira de Ramuín, Parada de Sil, A Peroxa e A Teixeira, en Ourense- suman case 249.000 hectáreas, é dicir, o 8,4% da superficie total de Galicia.

Gran parte deste territorio, en todo caso, xa está sometido a diferentes figuras de protección. A directora xeral insistiu que esta declaración non levaría aparellada a promulgación de novas normas nin a introdución de usos máis restritivos, senón que se manterían, dixo, os establecidos nos plans actuais que rexen para as áreas protexidas ou nos terreos rústicos e urbanos a través das normas sectoriais existentes.

A principal diferenza con outras figuras  reside, teoricamente, no papel fundamental que se lle dá á poboación que vive e traballa dentro do territorio da Reserva da Biosfera e á súa integración harmónica coa natureza que a rodea.

Si que implicaría a elaboración dun plan de xestión así como a designación do correspondente órgano de xestión, de carácter executivo, e dun foro de participación social no que estarán representados o Estado, a Xunta, as Deputacións provinciais de Lugo e Ourense e todo tipo de entidades e asociacións.

Ayuntamiento
Ribeira Sacra
Ribeira Sacra