Brollón suma un novo proxecto de "arqueoloxía de aldea" nas Penas do Castelo ( Salcedo)

Os traballos
serán realizados pola empresa forestal
Foresga e supervisados pola empresa Árbore
Arqueoloxía e Restauración. Esta iniciativa ten detrás ao Concello xunto
á Asociación de Veciños de Salcedo e a Comunidade de Montes. Xa ten implicada e
conectada á veciñanza desta localidade, habitualmente unida en eventos de
tradición e cultura dos que tan só un exemplo é o Entroido, O Oso e o teatro
popular. A intervención está enmarcada no proxecto Penas do Castelo que se
define como de arqueoloxía de aldea
‘O control arqueolóxico garante que o xacemento non sufra
danos durante a roza,’ comenta Benito Vilas, arqueólogo. ‘Grazas a esta limpeza
comprenderemos mellor este xacemento,
polo de agora bastante enigmático, así como as súas dimensións e límites.’
Tal e como aparece na ficha de catalogación, pola súa forma
e tipoloxía o máis probable é que se
trate dun xacemento altomedieval e non se descarta que teña unha orixe anterior, na primeira Idade do Ferro. O
xacemento presenta un sistema defensivo monumental e moi visible, ademais
está nunha situación privilexiada sobre
o río Lor con magníficas vistas da paisaxe.
‘Este sitio é un recurso de gran interese na rede de
recursos arqueolóxicos visitables no
noso Concello, polo que este verán xa estará incluído no circuíto de
visitas guiadas’, comenta o alcalde,
Xosé Lois Maceda.
O proxecto vén de publicar uns vídeos nos que os veciños
falan do que consideran o elemento
patrimonial máis importante da aldea para cadaquén. Os vídeos continuarán a publicarse nos perfís de Facebook
(@penasdocastelo) e Instagram (@penas_do_castelo).
Máis alá da roza e o traballo audiovisual cos veciños, están
previstas outras accións e actividades
didácticas. ‘Trátase de crear dinámicas comunitarias a través da arqueoloxía,’
comenta Marisa Defente, veciña e membro dos colectivos veciñais.