Cargando Eventos

As Letras Galegas en rede con música, teatro, títeres e literatura

Protagonista: Vicepresidencia Deputación de Lugo

Ven aí a gran celebración do Día das Letras Galegas cunha intensa programación en liña por parte de colectivos, artistas e institucións. A área de Cultura da Deputación de Lugo anunciou unha decena de actuacións musicais e escénicas. Davide Salvado, Raiceira, Ugia Pedreira, Pepe Vaamonde, Mamá Cabra, Micromina Títeres, Ana Carreira, Lóis Pérez, Olga novo e Marina Oural integran o cartel deste ciclo cultural en rede. Poderán seguirse as actuacións nas redes
sociais e na canle de Youtube da Vicepresidencia da Deputación de Lugo (@vicedepulugo) entre o 17 e o 27 de maio ás 19:00 horas.
Esta acción pretende trasladar ás redes o carácter reivindicativo e lúdico que acompaña a celebración do Día das Letras
Galegas, dedicada este ano ao profesor e escritor Ricardo Carvalho Calero e tamén aos profesionais do sector cultural que están a sufrir o impacto desta crise pola suspensión das actuacións e eventos en vivo. A programación involucrou unha
decena de profesionais que traballaron na produción e realización das actuacións.
Actuacións de artistas lucenses, pensadas para todos os públicos. As Letras en rede ofrecerá ao longo de dez xornadas espectáculos en liña pensados para todas as idades, con atención tamén para o publico máis novo con espectáculos para
público infantil e familiar. Atendendo ao ámbito provincial da institución, optouse por artistas vinculados á provincia
de Lugo.
Davide Salvado presentará un anaco de seu último espectáculo, “Amarelo”, onde reinterpreta cancións tradicionais galegas e doutras partes do mundo, con textos de Manolo Cortés, dende a óptica contemporánea que caracterizan as súas propostas. A compositora Ugía Pedreira interpretará unha escolma de poemas musicados, con melodías propias e alleas.
O dúo Raiceira , formado polas lucenses Sabela Vázquez e Carmen López, interpertará melodías populares extraídas da tradición oral galega. En formato trío, con Miriam González ao acordeón e Pipo Alvariño á guitarra, Pepe Vaamonde presentará un espectáculo orixinal pensado para ser bailado nun claro entorno foliadeiro. A banda de música infantil Mamá Cabra , neste caso cun formato reducido con Gloria Mosquera e Diego Maceiras ao acordeón, ofrecerá un percorrido polos éxitos dunha carreira de máis de 15 anos.​ A compañía mindoniense Micromina Títeres ofrecerá un espectáculo para público infantil e familiar apelando ao humor e a intelixencia. A narradora e dramaturga Ana Carreira , confundadora de distintas compañías de teatro galego, artellará a súa actuación arredor de tres contos, dirixidos a todas as idades.
O poeta e contador de historias Lois Pérez achegará un anaco de “Lirica Piringalla”, un entremés do proxecto “Lugo Philadelphia” erguido en colaboración coa fotografa Alba Díaz, que combina poesía, música, narración oral e humor .
A artista multidisciplinar Marina Oural mesturará na súa actuación a arte do movemento, da declamación, da escrita e da improvisacion oral. A poeta Olga Novo , cunha obra intimamente relacionada co feminismo, recitará algunhas
das súas composicións.

14 Maio, 2020 - 27 Maio, 2020

7:00 p.m. a 8:00 p.m.

Ribeira Sacra

Spain
+ Google Map