Cargando Eventos

Últimos días para presentar proxectos ‘Semente Ribeira Sacra’

Protagonista: Asociación Semente Monforte

O Concurso de Proxectos Empresariais Semente Ribeira Sacra busca proxectos innovadores para desenvolver o medio rural e poñer en valor os seus recursos. Mantense a idea coa que se creou a asociación Semente Monforte, facendo reverter na cidadanía o premio da Lotaría do Neno do ano 2014. Chegados á VII edición, o Concurso segue consolidándose con novas colaboracións e maiores incentivos económicos para os emprendedores.

O prazo de presentación de ideas remata o 30 de xuño a través da web sementeribeirasacra.org. A inscrición é de balde, podendo participar calquera persoa física de calquera lugar do mundo. Terán preferencia os proxectos vinculados co territorio Ribeira Sacra; se ben teñen obtido premios proxectos alleos á Ribeira Sacra, pero importantes para o xurado polo seu carácter innovador e transformador noutros ámbitos.

A estrutura da presentación da idea debe contar con:

  • Título do proxecto (20 palabras para resumir de que trata a iniciativa)
  • Descrición xeral (300 palabras para describir do modo máis eficaz en que consiste a iniciativa)
  • Oportunidade do proxecto (150 palabras para responder á pregunta “¿por que debería investir no proxecto?” Neste apartado é necesario ter clara cal é a necesidade que cobre o produto ou servizo.
  • Puntos fortes do proxecto (150 palabras que conteñan a información DAFO)
  • Descrición temporal da formulación e implantación do proxecto (150 palabras para explicar as fases, prazos e outros compoñentes de tipo temporal para a formulación e implantación do proxecto).

 

O 15 de Xullo publicarase o nome das dez ideas que o xurado considere de maior interese conforme aos obxectivos do concurso. As ideas seleccionadas presentarán antes do 30 de Setembro do 2021, o proxecto rematado, achegando arquivos PDF mediante formulario na intranet de concursantes da web www.sementeribeirasacra.org.

Unha vez presentada a documentación, o xurado convocará aos finalistas para a exposición e defensa do seu proxecto (presencial ou telemáticamente segundo as posibilidades de desprazamento pola situación da COVID-19).