Cargando Eventos

Entrega do premio de investigación Condado de Pallares

Protagonista: Asociación de Amigos do Mosteiro de Ferreira de Pallares

Os chantadinos Claudio Otero Eiriz, Tamara González López e Xosé Méndez Pérez recibirán o venres en Taboada o premio do XIII Certame de Investigación Condado de Pallares polo seu traballo A comarca de Chantada no século XVIII: economía e sociedade.

O certame está organizado pola Asociación de Amigos do Mosteiro de Ferreira de Pallares en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística, Dirección Xeral de Políticas Culturais, Deputación de Lugo, Concellos de Taboada, Guntín e Chantada, GDR Comarca de Lugo e  Caixa Rural Galega. O premio será entregado este 29 de novembro ás 20.00h. O traballo achega de xeito didáctico “unha imaxe global da vida familiar, a organización social e as actividades económicas da comarca de Chantada”.

O xurado estivo integrado polo profesor da Facultade de Humanidades do Campus de Lugo Carlos Baliñas; polo decano da citada Facultade, Gonzalo Fernández; por Fernando Arribas, responsable de Difusión da Rede Museística da Deputación de Lugo, e por Benigno Lázare, secretario la Asociación promotora . O premio est´á dotado con 3.000 euros e a publicación do devandito traballo.

En canto aos autores, Claudio Otero Eiriz, funcionario do Corpo Superior da Administración Xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, é licenciado en Dereito, doutor en Desenvolvemento Rexional e Integración Económica pola USC, con estudos de doutoramento sobre historia e patrimonio industrial de Galicia, ademais de autor de numerosos traballos de investigación e publicacións.Tamara González López graduouse en Historia na Universidade de Santiago, na que tamén fixo un máster en Profesorado de Educación Secundaria e un Programa de Doutoramento en Historia, Xeografía e Historia da Arte, e igualmente, é autora de numerosos traballos de investigación e publicacións. O terceiro autor do traballo premiado, Xosé Méndez Pérez, é sacerdote, licenciado en Teoloxía Pastoral e en Ciencias Morais polas universidades pontificias de Salamanca e de Comillas. Realizou cursos de Paleografía Diplomática e, ademais da súa actividade eclesiástica, ten publicadas varias decenas de traballos e artigos sobre as súas especializacións.

Foto: www.asociacionmosteirodeferreira.es

29 Novembro, 2019

8:00 p.m. - 9:00 p.m.

Taboada

Avenida de Lugo, 61
Taboada, Lugo 27550 Spain
+ Google Map