Cargando Eventos

Feira do Viño de Vilachá de Salvadur

As singulares e históricas adegas de Vilachá, na Pobra do Brollón, agardan coa mesma ansia que a veciñanza o regreso dunha das feiras do viño máis senlleiras da Ribeira Sacra. Será os días sábado 7 e domingo 8 de maio no contorno deste conxunto histórico de adegas da Abelaira. 

O Concello da Pobra do Brollón xa desvelou boa parte da programación dunha cita na que estarán presentes varias adegas profesionais e coma sempre os colleiteiros da zona.

O prato forte musical desta edición será a actuación do grupo Brassica Rapa, primeira  fanfarria 100% feminina galega que encherá de ritmos o espazo da Abelaira.  Ademais participará un alto número de músicos da zona ou ligadas á Pobra do Brollón.  Participará un total de doce grupos de Cantos de Taberna que se dividirán entre os  dous días. Tamén tocará este ano a asociación monfortina Baturruka, que levarán o seu formato  de batucada polos rueiros das adegas medievais. Ademais, os Gaiteiros de Samoeiro terán o seu momento nesta edición. Trátase do  grupo de gaitas formado por alumnos da Escola de Música Municipal Samoeiro, da  Pobra do Brollón. 

O sábado, dende media mañá participarán os grupos de cantos de taberna: Antoxo  duns poucos, A Derradeira, O Recanto, As Macizas Centrais, Os Parrandas e Son do  Mao. A programación musical do sábado será pechada por Brassica Rapa cunha actuación  prevista para as 22:30. O domingo, abrirán os Gaiteiros de Samoeiro seguidos do pregón que dará paso a  Baturruka. O resto do día, a animación correrá a cargo dos grupos Os Corenta e Chinco, Gaiteiros  de Samoeiro, As Recuncadas, Searas, Skachakunchas, Os Somontanos e Os Tabernos.

Doutra banda, estase a preparar a organización do transporte deica Vilachá contando co sector dos taxis, para que haxa disponibilidade constante para o traslado das persoas que desexen ir á feira sen ter que levar os automóbiles particulares.

7 Maio, 2022 - 8 Maio, 2022

Pobra do Brollón

Abelaira, Vilachá de Salvadur
Pobra do Brollón, Lugo 27330
+ Google Map