Cargando Eventos

VI Outono Musical Lourdes Vázquez Ledo

A Banda de Música de Chantada vai polo sexto ano poñéndolle música ao outono. O ciclo de concertos en homenaxe a Lourdes Vázquez Ledo, quen fora unha das integrantes desta formación e finada hai xa máis de seis anos, é xa unha data asentada na axenda cultural da comarca. Neste tempo para a música a banda, con preto de 160 anos de historia, escolleu tres propostas convidadas que ofrecerán actuacións todos os sábados de outubro ás 19.30 h e con inauguración o primeiro domingo deste mes, ás 18.30h. no Auditorio Municipal de Chantada. A entrada é de balde e recoméndase antelación para dar cumprimento  a todas as normas de seguridade derivadas deste momento de pandemia. Medirase a temperatura dos asistentes no momento da entrada ao recinto.

Variedade de estilos, cantidade instrumental e calidade son as premisas que parecen ter os organizadores á hora de escoller o elenco co que se conta nesta cita dende que se leva a cabo.

A programación comeza o domingo, 4 de outubro co concerto do Dúo Esjedon. O sábado 10 amenizará Alba Barreiro Trío. Continuará a axenda coa actuación do Lucus Ensemble dentro dun ciclo de música de cámara impulsado pola área de cultura da Deputación de Lugo. Pecharase o sábado 24 cunha actuación da anfitrioa, a Banda de Música de Chantada, que será unha das máis concorridas e agardadas, sempre con algunhas novidades no repertorio.

4 Outubro, 2020 - 24 Outubro, 2020

7:30 p.m. a 9:00 p.m.

Chantada

Praza de Galicia
Chantada, Lugo 27500 Spain
+ Google Map