Cargando Eventos

Música e astronomía por San Lourenzo

Protagonista: Asociación Veciñal María Castaña

O luns 10 de agosto, Día de San Lourenzo, a Asociación veciñal ‘María Castaña’ de Cereixa en colaboración co Concello da Pobra do Brollón, celebra a festa de San Lourenzo adaptada ás circunstancias sanitarias. 

A festa vénse celebrando dende hai cinco anos en formato romaría, dende a recuperación da tradición de levar por estada  a imaxe do San Lourenzo dende a igrexa de Cereixa ata o castro. A recuperación desta tradición lévase a cabo no marco do proxecto de arqueoloxía en comunidade no castro. Por mor destes traballos, actualmente en marcha, descubriuse unha edificación romana vinculada ao pasado mineiro da zona, así como os restos dunha igrexa e necrópole medievais. Estas ruinas serán o escenario do concerto de Laura LaMontagne e PicoAmperio, o evento central da edición 2020 da festa, que será un formato reducido no tempo e con entradas limitadas. 

A festa comezará a partir das sete da tarde cun paseo guiado dende o centro de Cereixa ata o Castro, seguindo o percorrido que noutros anos fixo a procesión da romaría. Será unha ruta polas historias íntimas e universais dos habitantes da parroquia ao longo da historia, entre eles, a personaxe revolucionaria María Castaña. 

Despois terá lugar o concerto de Laura LaMontagne e PicoAmperio. O emprazamento da actuación, no sector medieval da croa do castro é sen dúbida especial para escoitar a esta formación lucense que mestura hip hop, abstracción ambiental, folcore medieval e sensibilidade india. O serán rematará sobre a medianoite cunha observación astronómica a cargo dun experto da Asociación de Astronomía de Ourense. nas datas precisamente nas que se observan as bágoas de San Lourenzo. As entradas para asistir custan vinte euros, que se destinan integramente a cubrir os gastos do evento. O prezo inclúe un bolo preñado ou vegano, e unha pulseira a modo de entrada e de recordo desta edición. Dende a organización piden a colaboración dos asistentes traendo unha cadeira ou hamaca, que os organizadores colocarán a modo de asentos para o concerto. Tamén animan a traer un vaso para as bebidas e así reducir residuos. 

As entradas están á venda no restaurante O Fogón en Cereixa. Para máis información: 650 624 828. 

 

10 Agosto, 2020

7:00 p.m. - 10:30 p.m.

Pobra do Brollón

Pobra do Brollón, Lugo 27330
+ Google Map