Proxección do filme ‘O médico dos pobres’
O vindeiro venres chega a Chantada a historia de Manuel Díaz, coñecido como “o médico dos pobres”. E faino a través do documental dirixido por Federico Rioboo e impulsado pola asociación A Memoria é Náufraga.
A Vicepresidencia da Deputación de Lugo organizou un ciclo de proxeccións desta peza audiovisual que leva o título O médico dos pobres, sobre o doutor e alcalde republicano no Incio (comarca de Sarria) coñecido tamén como ‘O pequeniño do Incio’, quen foi asasinado polos falanxistas no ano 1936. O fío condutor deste documental parte do libro “Siembra y memoria. Muerte y evocación de un médico republicano”, escrito por José Luis Díaz, sobriño do protagonista.
Con esta actividade o organismo provincial e o seu departamento de Cultura prentenden contribuír á “documentación da represión e ao recoñecemento das vítimas do franquismo”. Este ciclo que leva o filme por toda a xeografía luguesa conta coa colaboración dos concellos nos que se exhibe e varias entidades asociativas locais. No caso de Chantada, Airoá Comunicación.
A entrada para ver a película, que se proxecta o 1 de decembro, é libre e de balde. Comeza ás 20.30h no auditorio municipal.