Cargando Eventos

Teatro ‘A lúa vai encuberta’ en Chantada

O 13 de novembro ás 20.00h. o auditorio municipal de Chantada será escenario para a peza teatral ‘A lúa vai encuberta’, da obra homónima de Manuel María. Serán as compañías Incendiaria e A Quinta do cuadrante con dirección de Tito Asorey as que poñan en escena esta obra estreada recentemente. Chega á vila do Asma da man da Vicepresidencia da Deputación de Lugo. Área de Cultura en colaboración coa Fundación Manuel María.

É a primeira vez que esta montaxe se leva á escena de xeito profesional. Trátase dunha peza de teatro documental na que as compañías levan a cabo un diálogo coa historia máis recente de Galiza.

SINOPSE

“O autor deixou unha nota no prólogo: “Esta peza teatral escribina polos anos setenta, por encargo do Grupo Teatral da Asociación Cultural Auriense, que xa representara a miña peza Unha vez foi o trebón. Comezados os ensaios, o grupo desfíxose”.

Iso deixou escrito Manuel María pero os integrantes do grupo cos que falamos non lembran ter ensaiado a obra nin que o grupo se desfixera durante os ensaios. Aseguran non lembrar que a peza fose escrita para o Auriense pero imaxinar os ensaios nos anos 70 activou en nós unha memoria que nunca puidemos consolidar.

Na procura dunha verdade oculta, a mestura de tempos e a combinación de realidade e ficción permiten identificar o descoñecemento programado da nosa historia máis recente e a consecuente falta de conciencia da identidade nacional galega.

A lúa vai encuberta é un espectáculo arredor da realidade galega e da loita incesante por conformar unha identidade propia, confrontándonos co noso pasado recente e as suas contradicións, desvelando un discurso que hoxe en día está sendo, senón ocultado, silenciado e que explica, en certa maneira, as razóns de por que hoxe en día o noso país ten os trazos políticos, sociais e económicos que o caracterizan.

Incendiaria e A Quinta do Cuadrante levamos a escena o texto de Manuel María como unha fonte esencial para, a través dela, entender as diferentes formas sociais e políticas que nos conformaron como país e, polo tanto, como persoas que o habitamos”.

 

 

13 Novembro, 2021

8:00 p.m. - 9:00 p.m.

Chantada

Praza de Galicia
Chantada, Lugo 27500 Spain
+ Google Map