51 viños da 'viticultura heroica' viaxan ao concurso mundial de Aosta

Ribeira Sacra
19 Xuño 2019
Viño
Redacción |19 de xuño de 2019
A Denominación de Orixe Ribeira Sacra presenta este ano 2019 ao certame mundial de viticultura de montaña  de Aosta un total de  51 viños, 44  tintos e 7  brancos. Son 35 adegas as que participan nun concurso no que esta zona sempre obtén gratos resultados e recibe varias medallas que axudan á promoción e consolidación dos nosos viños no mercado internacional como referentes desa 'Viticultura Heroica'.

O  “ Mondial des Vins Extremes” está impulsado polo CERVIM e celebrarase no val italiano de Aosta entre o 11 e o 13 de xullo. Aquí os viños da Ribeira Sacra representan esa "viticultura heroica" que levan por apelido e por etiqueta. Os  criterios  que  definen  á  viticultura  de  montaña ou en forte pendente que participan aquí son, por exemplo, o cultivo en alturas superiores aos 500 metros, pendente do  terreo  superior  ao  30%  -en parcelas da  D.O. Ribeira  Sacra  chégase  ao 80%-  ou sistemas vitícolas de cultivo en socalcos . En  España as únicas zonas de viños que participan xunto á Ribeira Sacra son as D.O Canarias e Priorat. Cando falamos de viticultura heroica adoitamos falar de lugares onde esta agricultura se desenvolve en condicións orográficas que non permiten un importante grao de mecanización das tarefas, viñedos de pequeno tamaño habitualmente organizados  en  terrazas  de  cultivo;  condicións  climáticas adversas  ou/e  emprazamentos en  zonas  xeográficas  con  paisaxes  destacados. Segundo salientan dende o Consello Regulador, estas dificultades estruturais veñen acompañadas de viños cunha gran personalidade, e cuxos aspectos culturais tamén quere poñer en valor a asociación que agrupa no mundo aos viños de montaña, o CERVIM, co fin de contribuír a pervivencia da actividade e a valorización dos territorios. 
Concello
Ribeira Sacra
Ribeira Sacra