A adega Finca Míllara recibe a certificación Galicia Calidade

No acto de entrega do certificado —ao que tamén asistiu o
delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias—, Manuel Heredia,
presidente de Galicia Calidade e director xeral de Comercio e Consumo da
Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación,
salientou a aposta de Finca Míllara polos “viños de calidade, mediante a
produción sustentable”, sen herbicidas e vendima manual para obter o mellor
dunhas viñas situadas en ladeiras cunha pendente do 50%.
Coa incorporación de Finca Míllara Galicia Calidade suma 18
adegas certificadas, ás que hai que engadir outras 120 empresas doutros
sectores como a alimentación, a hostalería, o lácteo ou a xoiaría, entre
outros. En total, son máis de 400 produtos e servizos avalados.
Finca Míllara é un proxecto empresarial que abrangue tamén a
restauración, a produción de aceite de oliva ou as conservas. Naceu no ano
1999, cando os seus promotores decidiron recuperar as antigas plantacións e
comprar viñas aos viticultores da contorna. Na actualidade conta con 21
hectáreas de cepas, situadas en ladeiras de lousa cun desnivel do ata o 50%.
Producen 70.000 botellas e plantando novas cepas para incrementar a súa
capacidade dentro da Denominación de Orixe Ribeira Sacra.
Galicia Calidade certifica os produtos e servizos que, pola
súa elaboración en Galicia, pola súa materia prima e o seu proceso de
produción, cumpran os requisitos establecidos polo selo de garantía.
