A Feira das Cabras de Merlán. Entre a tradición e os novos reclamos festivos
Chantada
2 Outubro 2018
Cultura
Lorena Gallardo | 15 setembro de 2018
A Feira das Cabras da parroquia de Merlán, en Chantada, é un dos eventos máis singulares da Ribeira Sacra e da comunidade galega. Celébrase actualmente unida á festa do San Cibrao, a mediados do mes de setembro. Pese a ter experimentado nos últimos anos algunhas mudanzas que lle dan outra vida, ten trazos da súa antiga orixe
A Feira das Cabras da parroquia de Merlán, en Chantada, é un dos eventos máis singulares da Ribeira Sacra e da comunidade galega. Celébrase actualmente unida á festa do San Cibrao, a mediados do mes de setembro. Pese a ter experimentado nos últimos anos algunhas mudanzas que lle dan outra vida, ten trazos da súa antiga orixe.
A asociación veciñal traballou pola súa recuperación e pretende convertela en ‘Festa de Interese Etnográfico’, tendo en conta que se trata da única feira destas características que se mantén en Galicia.
O historiador Xosé Lois García, natural da mesma parroquia, dataría a súa orixe nos séculos XVII ou XVIII . Antigamente era feira oficial o 16 de cada mes, para limitarse posteriormente a unha feira anual. Merlán foi coto e xurisdición dos condes de Taboada e de aí que tivera mercado mensual propio. A importancia desta feira de setembro ( que na actualidade mudou ao fin de semana máis próximo ao día 16) reside na proximidade do núcleo de Merlán a localidades de tradición vitivinícola da Ribeira Sacra como son San Fiz, Sabadelle, Pedrafita e outras dos concellos de Taboada e O Saviñao. A explicación máis directa está precisamente na tradición de comer cabra durante a época da vendima e de aproveitar os pelexos do animal para a carretaxe do viño despois de secalos e convertilos en odres; seguramente para a seguinte colleita.
Hoxe queda tan só o costume, moi residual, de comer cabra cocida nas adegas por este tempo. Por exemplo, en lugares de Nogueira ou O Saviñao.
Nos nosos días esta feira, que coincide coa festa patronal da parroquia, converteuse no único evento ao que aínda acoden gandeiros dedicados ao caprino e no que teñen lugar certo volume de transaccións comerciais. Cada gandeiro ou gandeira adoita acudir con cinco ou seis cabezas dende lugares das comarcas de Lemos e Chantada, pero tamén doutros puntos de Galicia nos que aínda resiste unha certa tradición de pastoreo como pode ser o contorno de Castro Caldelas. Un grupo de tratantes, a miúdo dedicados/as á cría de animais enfocada ao consumo da carne de cabrito, preséntanse dende ben cedo no campo da festa.
A recuperación do pastoreo caprino nalgunha zona de Galicia revela esta actividade como un recurso ou complemento máis de vida do rural que contribúe, por outra banda, ao beneficio e limpeza dos montes e á loita contra os lumes.
No evento adoita estar presente un posto de promoción da raza autóctona cabra galega. Unha raza en perigo de extinción, que conta actualmente cun censo de 900 exemplares repartidos en 70 ganderías de Galicia.
A cita contempla dende hai uns anos outras actividades como a degustación de cabra cocida, queixo, e leite de cabra que son as que tiran de moito do público, sempre gozoso de eventos nos que toma partido a gastronomía.
A mestura da acción comercial das cabras coas tradicionais misas e procesións deu nos últimos anos nunha curiosa “ nova costume” que é a de transportar a imaxe do San Cibrao nunha réplica dun carro do país tirado por cabras ou castróns. A idea, que foi tomada no Entroido Ribeirao de Santiago de Arriba, ten convertido a procesión nun dos momentos máis fotografados da xornada.
Concello

Chantada
Saber máis