A orixe da paisaxe da Ribeira Sacra podería datar do século X

A Pobra do Brollón
31 Marzo 2021
Patrimonio
Redacción | 31 de marzo de 2021
Un estudo dos socalcos das ribeiras de Vilachá sitúa estruturas hai 1000 anos. Os resultados dos traballos impulsados pola Xunta e o CSIC inciden na diferenciación deste territorio e permiten crear un relato do seu nacemento e evolución como paisaxe modelada polo cultivo. As mostras concretas realizáronse na Pobra do Brollón no marco do proxecto Adegas da Memoria, que se combinaron con estudos arqueolóxicos, etnográficos e históricos e que piden incidir noutras zonas do territorio para fundamentar con contundencia a orixe da Ribeira Sacra vertical.
Os resultados dos traballos impulsados pola Xunta e o CSIC inciden na diferenciación deste territorio e permiten crear un relato do seu nacemento e evolución como paisaxe vitivinícola. Realizáronse mostras na Pobra do Brollón no marco do proxecto Adegas da Memoria, que se combinaron con estudos arqueolóxicos, etnográficos e históricos.

A directora xeral de Patrimonio Cultural da Xunta, Mª del Carmen Martínez Insua, e o director de Incipit-CSIC, Felipe Criado, presentaron hoxe os resultados das primeiras datacións nas terrazas da Ribeira Sacra que sitúan a súa orixe no século X e permiten reforzar a súa orixe e evolución histórica como paisaxe vitivinícola. Trátase dun estudo de especial relevancia que permite achegar evidencias científicas da orixe destes elementos singulares da Ribeira Sacra.

Segundo estas actuacións, as datacións máis antigas da mostraxe identificáronse no século X, en época altomedieval, o que constata que o proceso de construción de terrazas remóntase a épocas pre-Císter. Realizáronse un total de 110 mostras recollidas e repartidas en cinco sondaxes en cuxa distribución influíron criterios como que houbera catas preto e lonxe do río, distintos graos de pendente ou distancia do xacemento dos conventos. Tratábase de facer o mostrario o máis diverso posible para poder comprobar como foi crecendo en extensión a explotación agraria.

Ademais das datacións, este proxecto, levou a cabo dúas campañas de escavación no xacemento dos Conventos, un estudo etnográfico entre os veciños e o estudo da documentación medieval referente a esta parroquia ribeirá. Os dous achados máis reveladores desta escavación coinciden tamén no século X: un enterramento no que se localizaron restos humanos e unha lauda funeraria con inscrición. Ademais de coincidir no tempo coas datacións dos bancais, revelan un uso sacro dese espazo.

Tal e como se pode concluír das datacións, e segundo esta nota do Departamento de Cultura da escavación dos Conventos e da documentación, este proceso de expansión continúa ao longo dos séculos. Analizando os datos das mostras, revélase tamén que no século XIII hai unha intensificación na construción de bancais para cultivo na ribeira de Vilachá. No século XVI, volvería  haber outro pico de intensidade na construción de bancais, algo que demostran estes estudos, que permiten realizar unha evolución histórica destes elementos.

Na actualidade o lugar dos Conventos xunto ás adegas tradicionais de Vilachá configuran un recurso turístico no que se pode coñecer a historia e catar o viño deste territorio dun xeito respectuoso e harmónico. O Concello da Pobra do Brollón ofrecerá en Semana Santa (do 1 ao 4 de marzo) esta visita guiada para grupos de oito persoas respectando todas as medidas pertinentes pola pandemia.

Nesta reveladora presentación participou a edafóloga Cruz Ferro, o arqueólogo Xurxo Ayán, o alcalde da Pobra do Brollón, Xosé Lois Maceda, e o pdte, da AAVV de Vilachá de Salvadur, José Castiñeira.

Concello