A Ribeira Sacra tamén quere ser Reserva da Biosfera
Este xoves,
14 de febreiro, a adega Rectoral de Amandi, en Sober, foi testemuña dunha
xuntanza impulsada pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda. A
directora xeral de Patrimonio Natural, Belén Docampo, reuniuse con alcaldes e representantes
municipais dos concellos lucenses para presentar o devandito proxecto.
Dende a
Xunta declararon, como administración impulsora, que a iniciativa é aberta á
participación de todas as entidades públicas e privadas asentadas nesta zona.
As Reservas
da Biosfera son na teoría enfocadas como territorios que actúan unidos co
obxectivo de harmonizar a conservación da diversidade biolóxica e cultural co
desenvolvemento económico e social a través da relación integral das persoas
coa natureza. As funcións fundamentais desta figura, segundo a directora xeral,
son a conservación da biodiversidade do territorio protexido, o desenvolvemento
das poboacións e asentamentos humanos locais, e o apoio loxístico á
investigación, formación e comunicación.
Interprétase
que ofrece oportunidades ambientais, culturais e socioeconómicas para as
empresas, administracións públicas e entidades privadas asentadas nese
territorio.
Os contactos
iniciáranse xa en 2018 para atopar apoios e sumar esforzos para presentar ante
o Goberno estatal oficialmente este ano a proposta. De acadarse, este
territorio entre as provincias de Ourense e Lugo, sería a sétima Reserva da
Biosfera de Galicia. Consideran que suporía á vez un gran apoio á candidatura
tamén en marcha para declarar esta zona Patrimonio da Humanidade, e hai quen
apunta, por outra banda, que podería ser a figura idónea no canto da outra
declaración.
Case o 25%
de todo o territorio galego ten xa esta figura: Terras do Miño, Allariz, Os
Ancares, río Eo, Xurés e Mariñas Coruñesas-Terras de Mandeo. Os 20 concellos
incluídos nesta nova proposta de Reserva da Biosfera da Ribeira Sacra –Bóveda,
Carballedo, Chantada, O Incio, Monforte, Pantón, Paradela, Pobra do Brollón,
Portomarín, Samos, Sarria, O Saviñao, Sober, Taboada e Triacastela na provincia
de Lugo, e Castro Caldelas, Nogueira de Ramuín, Parada de Sil, A Peroxa e A
Teixeira, en Ourense- suman case 249.000 hectáreas, é dicir, o 8,4% da
superficie total de Galicia.
Gran parte deste territorio, en todo caso, xa está sometido a diferentes figuras de protección. A directora xeral insistiu que esta declaración non levaría aparellada a promulgación de novas normas nin a introdución de usos máis restritivos, senón que se manterían, dixo, os establecidos nos plans actuais que rexen para as áreas protexidas ou nos terreos rústicos e urbanos a través das normas sectoriais existentes.
A principal diferenza con outras figuras reside, teoricamente, no papel fundamental que se lle dá á poboación que vive e traballa dentro do territorio da Reserva da Biosfera e á súa integración harmónica coa natureza que a rodea.
Si que implicaría a elaboración dun plan de xestión así como a designación do correspondente órgano de xestión, de carácter executivo, e dun foro de participación social no que estarán representados o Estado, a Xunta, as Deputacións provinciais de Lugo e Ourense e todo tipo de entidades e asociacións.