'A trompa dos augardenteiros de Pesqueiras' por Xosé Lois García
Nas ribeiras de Pesqueiras non só se facía viño, tamén, a augardente era un dos dons que o xeneroso bagazo da uva prensada, en súa esquelética forma, e naquel montón de bullo, aínda se espremía e seu líquido, de alta graduación para non ofender ás debilidades de Baco e a seus adeptos. Polos meses de primavera ía o augardenteiro ou destilador itinerante e temporeiro, de non poucos trasfegos, cargando de adega en adega e montando as particularidades do alambique nun recanto residual no interior da adega. Un oficio duro e artesán que un bo entendedor aprezaba e agradecía a estes artesáns da augardente. A experiencia destes alquimistas, capaces de transformar o bagazo en líquido de altos graos de alcohol, para brindar nos convivios familiares e de amigos, temperando o corpo e para fuxir de irredentos problemas existenciais. E, aínda, servir como medicamento en curar feridas e para dar fregas para escorrentar a reuma. A augardente estaba moi presente no imaxinario do pobo e sobre todo naqueles que a producían, coa que erixiron certos mitos ao seu redor para escorrentar infeccións e pestes con doses de augardente.
Na miña nenez e xuventude percibín toda esa cultura viñateira da augardente e dos augardenteiros, daquelas noites duras en que o bo facer reclamaba a aqueles artesán de estar en vela, sacando e poñendo o ardente tizón debaixo da potada, tal como esixía a arte de temperar unha excelente augardente. A rematar o que eles chamaban a potada final, desmontaban as seguintes partes do alambique: caldeira, capacete, trompa e serpentina, aparellos de evaporación e condensación. Por aquelas madrugadas anunciaban o remate da destila nunha adega determinada, o augardenteiro collía a trompa e convertíaa en instrumento musical, aínda que era difícil de temperala por ser un utensilio non adaptado para a música. Mais os augardenteiros, tan precoces en seu oficio, conseguían sonorizar o que a xente chamaba a alborada dos destiladores, que non era mais que unha diana militar, que a súa tocata tan uniforme acordaba aos batallóns de tropa. Ademais eses sons tiñan letra que cantaruxaban os que fixeron o servizo militar, que respondía ao toque de diana:
“Quinto levanta
tira de la manta
tira de la manta
tira del mantón
está el sargento
con el correón”.
Eses sons ben articulados, a semellanza da trompeta dianeira, eran o mellor ritual que se lle podía facer a unha boa augardente elaborada con sacrificado empeño. Pois, esa peza militar ficaba adaptada á trompa do alambique e sonorizaba un lonxincuo espazo xeográfico que chegaba até a miña aldea, a uns tres quilómetros dos Lagares de Pesqueiras. Era unha ledicia de amencer sentir aqueles lentos e acompasados ecos que fluían dun desmesurado esforzo dos beizos dos destiladores. O que mais me impresionaba de rapaz era cando a xente discutía se era en tal punto de ribeira e en tal adega. Ate aquí todo ía ben, mais o problema era cando se lle poñía nome ao eficaz músico destilador, uns dicían que era fulano e outros que era mengano. E veña a dar nomes e, eloxios e desmerecementos. Incluso facían apostas, mais nunca chegaba a bo fin por falta de diñeiro.
Sinto saudades da miña infancia e do que se compartía comezando pola conversa, sobre tantos temas tan inxenuos como o de adiviñar quen bufaba na trompa do alambique. Sorrir naqueles tempos precarios resolvía moitas paixóns e evitaba certos infartos. Escoitar os ecos do “Quinto levanta”, non promocionaba discordias nin tampouco rancores, talvez fose unha metáfora desas que os alquimista do bullo e do mosto o convertían en laica auga bendita, que producía espreguiza e esquecerse de magoadas censuras. E logo os augardenteiros entraron en decadencia, cando Pedro Barrié de la Maza, O Asolagador, decidiu, no mes de febreiro de 1962, pechar as comportas do encoro de Belesar, e así comezou a asolagar grande parte de Lagares e, mais tarde, a lei Fraga, desde a Xunta de Galicia, asignou a defunción da destila tradicional dos augardenteiros ribeiraos. Mais a memoria non esquece este patrimonio material e inmaterial.