A Xunta anuncia un novo tempo de diálogo para a candidatura da Ribeira Sacra ante a Unesco

Participaron o conselleiro de Cultura, Educación e
Universidade, Román Rodríguez; o embaixador de España ante a Unesco, Juan
Andrés Perelló; a directora general de Bellas Artes do Ministerio de Cultura,
María Dolores Jiménez-Blanco, e a directora general do Icomos, Marie-Laure
Lavenir, entre outros.
O responsable de Cultura da Xunta, que estivo acompañado
polo equipo técnico da candidatura, explicou que “esta xuntanza marca un punto
de inflexión no proceso da candidatura para conseguir o máximo recoñecemento da
Unesco, revisar o expediente en colaboración cos membros do órgano asesor e seguir
avanzando co máximo rigor e calidade”.
O obxectivo é intensificar o traballo e avanzar, da man do
Icomos, para dar un novo impulso á candidatura que fora retirada por mor dun
informe non favorable mediante un novo proceso de diálogo que acredite coas
máximas garantías os valores excepcionais do territorio. Para iso, contarase co
“compromiso de todos”, sinalaron novamente.
Román Rodríguez adiantou que o Goberno galego vai ampliar o
equipo técnico que traballa na candidatura co fin de incorporar novos perfís.
Ao mesmo tempo, vaise intensificar o contacto coas administracións implicadas
así como cos propios vecinos e veciñas. “O noso propósito é inaugurar e ampliar
un novo proceso de diálogo que permita intensificar a nosa estratexia e dar un
novo impulso á candidatura da Ribeira Sacra”, dixo.
Os representantes da Consellería quixeron puntualizar que
dende que fora aprazada “de xeito estratéxico” esta candidatura como paisaxe
cultural “continuouse sumando esforzos e traballando para perfeccionar o
expediente. “Agora queremos avanzar e por iso solicitamos a axuda e
colaboración do Icomos para estar na fase final no prazo de tempo máis breve
posible”.
