A Xunta salienta que a candidatura da Ribeira Sacra ante Unesco é un proceso aberto e participativo

Ribeira Sacra
16 Xullo 2021
Patrimonio
Redacción | 16 de xullo de 2021
A Xunta deu conta esta semana do grao de execución de investimentos na paisaxe cultural da Ribeira Sacra. Salienta o Goberno autonómico que a administración galega realizou no ano 2020 o 90% das actuacións previstas. O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, anunciou ademais que se traballa na declaración do románico da Ribeira Sacra como un conxunto de Bens de Interese Cultural e que o proceso da candidatura da Ribeira Sacra ante a Unesco é aberto e participativo.
A Xunta deu conta esta semana do grao de execución de investimentos na paisaxe cultural da Ribeira Sacra. Salienta o Goberno autonómico que a administración galega realizou no ano 2020 o 90% das actuacións previstas. O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, anunciou ademáis que se traballa na declaración do románico da Ribeira Sacra como un conxunto de Bens de Interese Cultural. Unha parte destes elementos arquitectónicos xa teñen a consideración de BIC de xeito individual.

A Xunta,  dixo, en paralelo á candidatura ante a Unesco, continuará avanzando no Plan Ribeira Sacra que conta cun investimento de 34M€ ata o ano 2023, un 10 % dos previstos víronse freados por mor da Covid-19.

O conselleiro  incidiu no carácter “aberto e participativo” do proceso da candidatura no que, afirma, se mantiveron preto de 40 xuntanzas con diferentes institucións, concellos, asociacións, veciños e entidades. Unha parte da veciñanza reclamou neste tempo unha maior información e participación no proceso. O titular de Cultura sinalou que na incoación do BIC da Ribeira Sacra se estimaron o 80% das alegacións presentadas e incorporáronse todas as referentes aos estándares de protección das adegas, a inclusión de novos bens ou as relativas ás construcións defensivas.  A tramitación para a declaración do románico da Ribeira Sacra como un conxunto de BICS tamén se iniciou por petición dos propios colectivos vencellados ao territorio.

Román Rodríguez, fixo no Parlamento un chamamento a todos os grupos para “ traballar conxuntamente no futuro do territorio” e dixo que “O Goberno galego está cumprindo escrupulosamente co acordado e reformularemos os aspectos da candidatura que sexan precisos, pero este territorio merece o esforzo de todos para conseguir o si definitivo”.  

Nesta intervención anunciou que será en setembro cando Xunta e Goberno Central retomen os contactos con Icomos e amplíen o grupo que traballa na candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade. Apuntou que se apostará por "intensificar a actividade a todos os niveis co fin de acadar unha mellor comprensión dos valores excepcionais que fan que a Ribeira Sacra mereza o máximo recoñecemento da Unesco".  

Doutra banda apostillou o Conselleiro que o Goberno aspira a captar dos fondos Next Generation un total de 40 millóns de euros para rehabilitación patrimonial e que servirán, de acadarse, para actuar mediante este proxexcto sobre o territorio da Ribeira Sacra.

Concello
Ribeira Sacra
Ribeira Sacra