Acción cultural arredor do Camiño Augas Sacras

Castro Caldelas
5 Abril 2021
Turismo
Redacción | 5 de abril de 2021
Unha intensa programación cultural, deportiva e de lecer arredor do Camiño Augas Sacras nace para reivindicar esta ruta xacobea relacionada co contorno do emblemático castelo de Castro de Caldelas.Foi presentada estes días coa presenza de representantes municipais dos concellos polos que atravesaría este periplo alternativo a Compostela: Sober, Larouco, A Teixeira, Petín, A Pobra de Trives, Monforte, San Xoán de Río e o municipio caldelao.
‘Un castelo no camiño Augas Sacras’ é o nome que engloba unha intensa programación de actividades culturais, deportivas e gastronómicas que Turismo de Galicia e o Concello de Castro Caldelas teñen en marcha para a vindeira tempada.

Estas accións dilataranse entre a primavera e o verán e están apoiadas polo programa ‘O teu xacobeo’ da Xunta de Galicia.

Visitas teatralizadas e espectáculos, exposicións, actividades deportivas relacionadas co patrimonio, a natureza e a gastronomía da comarca, vencellada ao Camiño de Inverno, son o enfoque para dinamizar estas rutas xacobeas na Ribeira Sacra, cun punto nuclear como é o castelo e o conxunto monumental da capitalidade caldelá.

Este evento serviu ademais como presentación da agrupación de municipios Camiño de Augas Sacras, que ten como obxectivo investigar, protexer e difundir unha vía de peregrinación que uniría os concellos de Sober, Larouco, A teixeira, Petin, Trives, Monforte, Castro Caldelas e San Xoán de Río.

Concello